Campañas
10 Tips Sogama para un verán sostible
No verán, os residuos non só non se van de vacacións, senón que mesmo se ven incrementados de forma exponencial nos destinos de maior afluencia turística.
É por isto que se fai necesario non baixar a garda e seguir colaborando activamente na correcta xestión dos nosos refugallos desde calquera lugar e durante calquera actividade.
- Consome de forma consciente, informada e responsable. Non te deixes levar polos impulsos e pregúntate se realmente necesitas un determinado produto ou servizo.
- Reutiliza obxectos, pezas e accesorios da tempada pasada tales como bikinis, bañadores, toallas… Non fai falta renovalos cada ano se aínda están en boas condicións.
- No verán, o consumo de produtos envasados aumenta de forma considerable, así que, de ser posible, opta por comercializacións a granel e leva o teu propio tupper ou envase á tenda, evitando así a utilización desmedida de envases e envoltorios.
- Rexeita as bolsas plásticas de usar e tirar, procura utilizar a túa ou o tradicional carro, e, para compras improvisadas, leva sempre contigo unha bolsa reutilizable (opta polas pregables se queres que ocupen pouco espazo).
- Festas familiares, comidas ao aire libre, picnis, etc, son eventos que convidan a utilizar materiais de usar e tirar, xesto que incrementa os refugallos producidos. Foxe destas malas prácticas e dá preferencia a vaixelas, cubertos, vasos, panos de mesa e utensilios reutilizables.
- As comidas en restaurantes aumentan, así que ollo co desperdicio alimentario. Pide as racións que realmente vaias consumir e, en caso de sobras, solicita que chas preparen para levar.
- As celebracións tamén se multiplican na época estival. Se non queres renunciar ao confeti, elíxeo biodegradable.
- Selecciona os teus residuos en orixe e introdúceos no contedor correspondente para posibilitar o seu posterior reciclado.
- No sistema Sogama, o contedor amarelo está destinado a acoller envases de plástico, latas e briks; o marrón, a materia orgánica; e o xenérico, a fracción resto. Adicionalmente, atoparás o azul, para o papel e cartón; e o iglú verde, para os envases de vidro.
- Nada ao chan. Mantén limpas as rúas, os areais e os espazos naturais e urbanos. Se non tes onde depositar os teus residuos, gárdaos ata que atopes unha papeleira ou contedor.
Con estes sinxelos consellos, un verán sostible, é posible.