Campañas
Desplastifícate: di NON aos plásticos de usar e tirar
Con esta campaña, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, Sogama pretende axudar aos cidadáns a retomar os bos hábitos previos á crise sanitaria do COVID-19 e ata a reforzalos para avanzar na senda da sostibilidade.
Durante a etapa de confinamento, e debido á imperiosa necesidade de distanciar no tempo a compra de produtos básicos, priorizouse a adquisición de artigos sobreenvasados co fin de garantir a súa correcta conservación.
Unha vez que camiñamos cara á normalidade, deben impoñerse as boas prácticas orientadas á redución da produción de lixo, prescindindo dos envases e embalaxes superfluos.
Boas prácticas:
- Leva a túa propia bolsa reutilizable á compra (de tea, de rafia natural, unha cesta) ou ben o tradicional carriño. A bolsa de plástico utilízase unha media de 15 minutos, pero pode tardar séculos en degradarse na contorna.
- Na casa e fóra de casa, opta por botellas de auga reenchibles, preferiblemente de aceiro inoxidable ou vidro.
- Rexeita as pajitas plásticas (hainas de aceiro, bambú ou papel), así como os pratos, vasos e cubertos fabricados con plástico. En 2021 estarán prohibidos na UE.
- Dá preferencia aos produtos comercializados a granel e, na medida do posible, elixe os envasados en cartón. Para almacenar os alimentos, mellor o vidro e as latas (de aceiro ou aluminio). Descarta bolsas, papel filme e recipientes plásticos.
- Non esquezas que os microplásticos tamén están presentes na composición dos cosméticos e outros artigos de hixiene.
- Elixe, sempre que poidas, produtos fabricados con materiais biodegradables. As alternativas son numerosas: desde peites de madeira ata esponxas de celulosa.
- Prioriza as pinzas de madeira para tender a roupa e procura prescindir das cápsulas de café.
- Á hora de regalar, mellor obxectos que non conteñan plásticos e estean fabricados con materiais reciclados.
- En festas e celebracións, evita o confeti plástico, así como os globos. Os tradicionais de poliuretano poden permanecer máis de 400 anos na natureza e, os de látex, aínda que son biodegradables, poden tardar anos en degradarse se chegan ao mar; en contacto co aire, ata 2 ou 3 meses.
- Recorda separar correctamente os residuos no fogar e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos. Desta forma contribuirás a aforrar enerxía e materias primas.