- A entidade pública tramitou a entrega dos últimos 25 composteiros solicitados polo concello, que se suman aos 95 subministrados en datas anteriores.
- Os recipientes, con capacidade para 350 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Os usuarios recibirán, tamén de mans desta empresa pública, unhas guías didácticas nas que se detalla o procedemento a seguir para obter un compost de boa calidade.
- Pola súa banda, o concello comprométese a facer un seguimento da iniciativa a través de visitas porta a porta para comprobar co seu persoal a correcta aplicación da técnica, disipar posibles dúbidas e solventar erros
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2019.- O concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), consciente dos beneficios ambientais, económicos e sociais que trae consigo a compostaxe doméstica, decidiu ampliar o seu programa a novas vivendas posibilitando xa que 120 familias practiquen esta técnica e reciclen a materia orgánica en orixe.
Sogama xa tramitou a entrega ao concello dos últimos 25 composteiros solicitados, que se suman aos 95 subministrados en datas anteriores. Os recipientes, con capacidade para 350 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, facendo máis cómodo e hixiénico o proceso.
Os usuarios recibirán, tamén de mans desta empresa pública, unhas guías didácticas nas que se detalla o procedemento a seguir para obter un compost de boa calidade: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada e en contacto coa terra, para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, ata o control de parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade. Así mesmo, detállanse os restos orgánicos que deben e non deben depositarse no recipiente, e as medidas a aplicar ante certas incidencias ou dificultades.
Pola súa banda, o concello comprométese a facer un seguimento da iniciativa a través de visitas porta a porta para comprobar co seu persoal a correcta aplicación da técnica, disipar posibles dúbidas e solventar erros.
O obxectivo último é que a veciñanza participante logre pechar o círculo da reciclaxe da materia orgánica en orixe, que supón en torno ao 42% da composición media dunha bolsa tipo, evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais.
Isto traerá consigo unha serie de vantaxes. Desde a dimensión ambiental, porque conséguese reducir a frecuencia de recollida e transporte do lixo xenérico por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera; desde a económica, porque diminúe o importe da factura a pagar a Sogama; e desde a social porque se recupera unha práctica con gran arraigo no rural galego, como é a separación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, á vez que diminúen os desprazamentos aos contedores situados nas vías públicas, xa que o papel/cartón, o vidro e os envases plásticos poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros.
Todo vantaxes para un programa que Sogama lidera desde fai anos e no marco do cal xa repartiu máis de 9.600 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación