- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do mes de decembro.
A piques de concluír o ano 2019, e a pesar dos bos e malos momentos inherentes á actividade propia de calquera empresa, o balance que facemos é claramente satisfactorio, xa que culminamos un proxecto decisivo para o presente e futuro desta sociedade pública. Logramos, nun tempo récord, incrementar a capacidade do Complexo Ambiental de Cerceda ata chegar a 1 millón de toneladas anuais, practicamente o total dos residuos urbanos producidos en Galicia, coa particularidade de que a nova planta de recuperación de materiais, xunto coa renovación da antiga, nos permitirá contribuír en maior medida á reciclaxe e chegar en 2020 á vertedura técnica cero, a nosa maior aspiración.
Comezaremos o próximo ano sendo a infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa, e modelo a seguir para o resto do mundo. Proba diso son as distintas delegacións estranxeiras que nos visitan periodicamente para que lles expliquemos cal é o noso sistema de tratamento e a operativa que levamos a cabo para xestionar un complexo industrial de referencia, unha rede de 37 plantas de transferencia situadas en distintos puntos de Galicia, un vertedoiro de residuos non perigosos exemplar e unha loxística de transporte na que o tren foi gañando terreo ao camión, conseguindo xa desprazar a través do primeiro o 55% dos residuos recibidos. E todo iso reforzado con continuas campañas sociais de formación, concienciación e sensibilización ambiental para que os cidadáns, o noso tesouro máis prezado, nos axuden nesa ardua tarefa de xestionar os residuos de forma sostible a fin de minimizar o seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde, á vez que loitamos xuntos contra o cambio climático.
A pesar dos cuantiosos investimentos económicos realizadas neste plan estratéxico, Sogama aplicou, a principios deste ano, e aos concellos que así o solicitaron, unha rebaixa do 10% sobre o canon que rexe para estes a fin de aliviar as arcas locais e o peto dos seus veciños. Esta bonificación manterase no próximo exercicio e abrirase igualmente a aqueles concellos que, por diversas circunstancias, non se acolleron á mesma en prazo.
Todo isto non sería posible sen o incansable labor dos traballadores ao servizo de Sogama, sen o apoio dos accionistas (Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e Naturgy) e, por suposto, sen a colaboración dos 295 concellos aos que damos servizo e onde residen máis de 2.242.000 habitantes.
Comezamos unha nova década clave para o futuro da nosa comunidade e dos nosos fillos. Sogama xa ten en axenda novos proxectos cos que optimizará os logros alcanzados ata o momento. Seguimos no camiño da sustentabilidade.
Bo Nadal, queridos lectores!
Presidente
Javier Domínguez Lino