- Designado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, representa unha gran oportunidade para sensibilizar sobre a importancia que as froitas e as verduras teñen para a nutrición humana, a seguridade alimentaria e a saúde, así como para o logro dos ODS.
Cerceda, a 20 de xaneiro de 2021.- A Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou 2021 como o Ano Internacional das Froitas e Verduras (AIFV), representando unha gran oportunidade para sensibilizar sobre a importancia que as froitas e verduras teñen para a nutrición humana, a seguridade alimentaria e a saúde, así como para o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (ODS).
OBXECTIVOS E LIÑAS DE ACCIÓN
Entre os obxectivos desta efeméride atópanse promover dietas e estilos de vida saudables, equilibrados e diversificados mediante o consumo de froitas e verduras; reducir a perda e o desperdicio nos sistemas alimentarios das mesmas; e difundir as mellores prácticas sobre:
- Fomento do consumo e produción sostible de froitas e verduras.
- Maior sostibilidade no almacenamento, transporte, comercio, procesamento, transformación, venda minorista, redución do desperdicio e reciclaxe, así como nas interaccións entre estes procesos.
- Integración dos pequenos agricultores, en especial os agricultores familiares, nas cadeas de produción, subministración e valor.
- Fortalecemento da capacidade de todos os países, en especial dos que se atopan en desenvolvemento, para adoptar enfoques e tecnoloxías innovadoras na loita contra a perda e o desperdicio deste alimentos.
Pola súa banda, as liñas de acción diríxense cara a:
- Promoción e sensibilización sobre a contribución das froitas e verduras á mellora da nutrición, a diversidade alimentaria e a saúde, así como á economía, o medio ambiente e, en definitiva, o desenvolvemento sostible.
- Creación e difusión de coñecementos neste ámbito.
- Formulación de políticas coas que potenciar os enfoques integrados e holísticos para a xestión dos sistemas alimentarios de froitas e verduras, estimulando ao mesmo tempo a cooperación entre o sector público e privado na investigación e innovación.
- Fomento da capacidade, aumentando a integración da educación nutricional na elaboración dos plans de estudo, empoderando igualmente ás mulleres e mozos.
Fonte: Nacións Unidas
Imaxe: Pixabay