- Entre outros, cabería aludir ao compromiso mundial para poñer fin á contaminación por plásticos, a conmemoración do 50 aniversario do PNUMA e a declaración, por parte da ONU, de que o medio ambiente é un dereito humano
- Igualmente, destaca, no marco da COP27, o acordó para o establecemento dun fondo que apoiará aos países en desenvolvemento e que sofren en maior medida as consecuencias da crise climática, así como a definición, na COP15, de medidas para combater a perda de biodiversidade
Cerceda, a 2 de xaneiro de 2023.- O pasado ano culminou cunha serie de acordos internacionais que chegaron nun momento crucial para a Terra, xa que os expertos advirten que unha tripla crise do cambio climático, a perda de recursos naturais e biodiversidade, e a contaminación e refugallos, ameazan con socavar toda vida no planeta.
PRINCIPAIS FITOS AMBIENTAIS 2022
- Compromiso mundial para poñer fin á contaminación por plásticos
Cada ano xéranse preto de 400 millóns de toneladas de residuos plásticos, unha cifra que se duplicará para 2040. Unha gran parte desta cantidade acaba abandonada no medio ambiente, incluíndo os océanos, cos consiguientes problemas para os seres humanos e a vida silvestre.
Para contrarrestalo, os Estados acordaron, o pasado mes de marzo, iniciar as negociacións sobre un acordo internacional xuridicamente vinculante para poñer fin á contaminación por plásticos. A correspondente resolución, aprobada no marco da Asemblea das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente, celebrada en Nairobi (Kenya), comprometeu ás nacións a elaborar un proxecto de acordo para finais de 2024.
- O PNUMA conmemora cinco decenios de liderado ambiental
Múltiples delegados de todo o mundo reuníronse en Kenya, no marco dunha sesión especial da Asemblea das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente, para conmemorar o 50 aniversario do PNUMA, realizando un balance dos seus logros, incluídos os esforzos destinados a reparar a capa de ozono, eliminar gradualmente o combustible con chumbo e protexer as especies en perigo de extinción. Así mesmo, examináronse as formas en que o PNUMA pode apoiar o desenvolvemento sostible nos anos por vir.
- Os Estados celebran o amencer do movemento ambiental
A reunión internacional Estocolmo +50 celebrouse na capital de Suecia como unha conmemoración do 50 aniversario da Conferencia sobre o Medio Ambiente Humano de 1972, recoñecida como o nacemento do movemento ambiental moderno.
- A ONU declara que o medio ambiente saudable é un dereito humano
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou que todas as persoas no planeta teñen dereito a un medio ambiente limpo e san, e fixo un chamamento aos Estados co fin de que multipliquen os seus esforzos para protexer a natureza.
- O mundo toma nota dos desafíos ambientais
As campañas do PNUMA espertaron maior conciencia sobre un gran número de problemáticas ambientais. O Día Mundial do Medio Ambiente, o Día Internacional do Aire Limpo por un ceo azul e o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos involucraron a millóns de persoas en todo o mundo, o que axudou a posicionar o medio ambiente no centro do interese público. Pola súa banda, dous importantes estudos do PNUMA, (Informe sobre a Brecha de Emisións e sobre a Brecha de Adaptación) puxeron de relevo a magnitude da crise climática e o que a humanidade debe facer para evitar as peores consecuencias.
- Os Estados comprometéronse cun novo e decisivo fondo ante o cambio climático
Na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27), celebrada en Exipto, os Estados acordaron establecer un fondo que apoiará aos países en desenvolvemento e que sofren en maior medida as consecuencias da crise climática.
- Os países prometen protexer a biodiversidade en declive
A Conferencia das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica (COP15) finalizou en Montreal (Canadá) cun acordo histórico para orientar as medidas a escala mundial en favor da natureza, alomenos ata 2030. No mesmo contémplanse medidas concretas para deter e reverter a perda da natureza, entre elas o obxectivo de protexer de aquí a 2030 o 30% do planeta e o 30% dos ecosistemas degradados. Un informe de 2019 sinalou, por primeira vez, que 1 millón de especies están a ser acurraladas cara á extinción debido principalmente ás actividades humanas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay