- A CE salienta que, grazas ás nova normativa que ofrece unha mellor información sobre a durabilidade dos produtos e combate o lavado de imaxe ecolóxico e a obsolescencia temperá, os consumidores están agora en mellores condicións de contribuír á economía circular e á transición limpa
Cerceda, a 2 de xaneiro de 2025.- Desde o cambio climático ata a intelixencia artificial, pasando polos conflitos globais e as crises humanitarias, 2024 foi un ano de desafíos importantes para a UE.
A nivel ambiental, a Comisión asegura que os fenómenos meteorolóxicos extremos producidos en todo o mundo puxeron de manifesto as consecuencias do cambio climático e a necesidade de actuar con rapidez para beneficiar ás persoas e ao planeta durante anos.
No primeiro semestre de 2024, o 50 % da xeración eléctrica da UE procedía de fontes renovables, unha tendencia que achega ao continente ao cumprimento dos obxectivos climáticos, que pasan por unha redución do 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030 e a neutralidade climática para 2050.
Así mesmo, grazas a novas normas que ofrecen unha mellor información sobre a durabilidade dos produtos e combaten o lavado de imaxe ecolóxico e a obsolescencia temperá, os consumidores están agora en mellores condicións de contribuír á economía circular e á transición limpa.
Pola súa banda, a lei de restauración da natureza axudará aos ecosistemas a recuperarse, a aumentar a biodiversidade e a mellorar a seguridade alimentaria, mentres que a normativa sobre emisións industriais, gandeiras e de vehículos por estrada, así como a revisada sobre calidade do aire, propiciarán que os europeos se beneficien dun aire, unha auga e un solo máis limpos.
O pasado ano, a UE interveu en varias ocasións para responder a emerxencias ambientais en toda Europa. É o caso dos incendios forestais en Chipre, Grecia, Portugal, Albania e Macedonia do Norte, e as inundacións devastadoras sufridas por Austria, Chequia, Alemaña, Italia, Eslovaquia, España, Polonia e Bosnia. Acontecementos, todos eles, que confirman a importancia de estar preparados para cando se produzan desastres.
Fonte e imaxe: Comisión Europea