- Este movemento mundial, promovido por WWF, invita a apagar a luz durante unha hora (de 20:30 a 21:30) como xesto de loita contra o cambio climático.
- A iniciativa, que naceu timidamente en Sidney en 2007, converteuse hoxe en todo un fenómeno mundial que o pasado ano aglutinou a participación de milleiros de cidades de 188 países que apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios icónicos.
- Nesta nova edición, o evento propón tres retos para a xornada: non comer carne, prescindir do plástico e optar pola mobilidade sostible.
Cerceda, a 27 de marzo de 2019.- O vindeiro sábado, 30 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas, terá lugar unha nova edición do acontecemento mundial “A Hora do Planeta”, un evento que une a países dos cinco continentes poboados cun obxectivo común: protexer a natureza e facer fronte ao cambio climático.
Este movemento tivo lugar por primeira vez en Sidney, en 2007, pero como xesto simbólico que consistía en apagar as luces dos fogares, negocios, edificios e monumentos emblemáticos durante unha hora. Non obstante, o que comezou sendo algo testemuñal, pronto se propagou ata alcanzar unhas dimensións impensables no seu momento: numerosas cidades que suman forzas en contra dun inimigo común: o cambio climático. O pasado ano, este evento contou coa participación de miles de urbes de 188 países que apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios icónicos.
Aos poucos, e máis aló desta acción puntual, a Hora do Planeta converteuse nunha ferramenta para promover estilos de vida sostibles, fomentar as enerxías renovables, conservar os bosques, protexer os mares e loitar contra a perda de biodiversidade. E todo isto reforzado cun argumento de peso: dependemos da natureza para vivir. Dános o aire que respiramos, a auga que bebemos, os alimentos que inxerimos, o refuxio que necesitamos, as medicinas coas que nos curamos e o sistema económico que nos sustenta.
Se ben a contaminación está a provocar unha grave degradación da nosa contorna natural, o certo é que nunca antes houbo tanta mobilización en favor do clima por parte de gobernos, empresas e cidadáns.
SEN CARNE, SEN PLÁSTICO E SEN COCHE
Pero o próximo 30 de marzo, WWF, entidade que promove este evento, quere que, ademais de apagar a luz durante unha hora, os cidadáns asuman unha serie de retos. Por exemplo, non comer carne durante a xornada. Para producir un quilo de carne requírense 15.500 litros de auga. Outro dos restos en prescindir do plástico durante todo o día. Unha poderosa razón o avala: cada ano vértense á natureza 100 millóns de toneladas de residuos plásticos e a décima parte acaba no mar. Con este ritmo de produción e consumo, en 2050 haberá máis plásticos que peixes nos océanos. Millóns de animais mariños morren atrapados polo plástico ou pola inxestión de pequenos fragmentos do mesmo. Este fenómeno tamén afecta negativamente á pesca, ao turismo e á propia alimentación humana.
E un terceiro reto é prescindir do transporte alimentado con combustibles fósiles, que causa o 30% de todas as emisións de CO2. A bici pode ser unha magnífica alternativa.
Fonte e imaxe: www.horadelplaneta.es
Saúdos, Departamento de Comunicación