- Impulsado por TheCircularLab, pretende potenciar o talento da mocidade mediante a formulación de retos relacionados co desenvolvemento e a implantación da economía circular
- O reto desta oitava edición, que comezará en abril, enfócase en como complementar a recollida selectiva de envases en contornas de fóra do fogar a través da tecnoloxía
- No marco da mesma, búscanse seis perfiles que teñan rematado a súa formación nalgúns dos seguintes graos: Administración e Dirección de Empresas, Enxeñería Electrónica, Socioloxía, Marketing, Programación e Deseño Gráfico.
Cerceda, a 1 de marzo de 2023.-TheCircularLab, o centro de innovación aberta en economía circular de Ecoembes, lanzou a 8ª convocatoria do seu programa de alto rendemento Circular Talent Lab. Trátase dunha iniciativa formativa dirixida a novos talentos interesados en traballar en materia de economía circular, reciclaxe e innovación durante tres meses para resolver un reto predefinido, que este ano estará enfocado en potenciar, a través da tecnoloxía, a recuperación de residuos de envases domésticos que se xeraron fóra do fogar, de forma adicional ás recollidas que xa veñen realizando as administracións e entidades locais.
A través de Circular Talent Lab, o centro pretende seguir impulsando a formación en innovación cara a un propósito que xa preocupa a moitos mozos: o coidado do medio ambiente. En concreto, na edición deste ano, que comezará en abril, búscanse seis perfiles que teñan rematado a súa formación nalgúns dos seguintes graos: Administración e Dirección de Empresas, Enxeñería Electrónica, Socioloxía, Marketing, Programación e Deseño Gráfico.
Ademais, durante os tres meses, os participantes estarán guiados por mentores profesionais que, seguindo técnicas como o design thinking e a co-creación, baseadas nos principios da metodoloxía CIR (Comprensión, Ideación e Realización), perseguirán a comprensión do reto exposto, a ideación de posibles solucións ao devandito reto e a realización dun produto mínimo viable.
En edicións anteriores, os integrantes enfrontáronse a retos como a creación dun contedor intelixente ou unha app que facilite a reciclaxe aos cidadáns. Nalgúns dos casos, e tamén grazas á colaboración de varias startups, estes proxectos chegaron a desenvolverse.
Este tipo de experiencias están a converterse no futuro da educación e preséntanse como un recurso para axudar a asentar nos mozos e mozas a importancia de que o planeta nos demanda ter unha mentalidade sostible e respectuosa co medio ambiente.
Fonte e imaxe: Ecoembes