- Estudantes, pemes, emprendedores, investigadores, start-ups, organizacións e entidades en xeral, poderán presentar a súa candidatura ata o próximo 15 de febreiro
Cerceda, a 26 de xaneiro de 2024.-Fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras aos retos relacionados coas enerxías renovables e as tecnoloxías de combustibles en contornas urbanas é o obxectivo de Res4City Startup Europe Awards Accelerathon, unha iniciativa dirixida a estudantes, pemes, emprendedores, investigadores, start-ups, organizacións e entidades en xeral, que estará aberta ata o próximo 15 de febreiro.
O Accelerathon pretende atopar solucións e financiamento a través dun concurso de innovación que aglutine ao sector da economía circular e acelere ideas e conceptos relacionados coas enerxías limpas nas cidades, integrando á súa vez a circularidade. A participación no mesmo pode ser tanto individual como por equipos de 3 a 5 persoas.
Os candidatos elixibles deben ter un bo nivel en inglés, xa que este será o idioma de traballo e dispoñer dun computador e conexión a Internet, xa que o Accelerathon desenvolverase en liña.
O Res4City busca ideas, proxectos ou propostas que dean solución aos seguintes retos:
- Reto 1. Utilizar o almacenamento intelixente de enerxía para mellorar a dispoñibilidade e fiabilidade da infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.
- Reto 2. Lograr unha xestión eficiente do solo e a terra mediante o cambio das operacións empresariais en consonancia cos principios da economía circular.
- Reto 3. Deseñar proxectos de produción de hidróxeno verde.
O premio consiste nun Ticket de Aceleración Europeo que axudará aos equipos gañadores a optar a fondos europeos. A Fundación Finnova asesorará aos tres equipos gañadores co fin de converter as súas propostas nun programa piloto elixible para financiamento e tamén terán a oportunidade de asistir a eventos relacionados coa súa idea para gañar visibilidade e coñecer a outras partes interesadas.
Fonte e imaxe: Fundación Finnova