- Os científicos coinciden en sinalar que os patróns climáticos están mudando e que urxe pasar á acción.
· Indican que estamos ante un reto global que require dun traballo coordinado de toda a comunidade internacional e que aínda estamos a tempo de actuar.
· A FAO recomenda aos cidadáns poñer en práctica 8 accións básicas para loitar contra o cambio climático: non tirar comida, comer máis froita e legumes, aforrar enerxía, xestionar correctamente os residuos, aforrar auga, comer diferentes tipos de peixe, limitar o uso de plástico e facer que os nosos municipios e cidades sexan máis verdes.
Cerceda, a 13 de xaneiro de 2020.- Ninguén escapa ao cambio climático. Os seus perversos efectos chegan á economía, ás comunidades e á vida das persoas.
Os científicos coinciden en sinalar que os patróns climáticos están mudando: aumentan os niveis do mar, os eventos climáticos son cada vez máis extremos e virulentos, e seguen a incrementarse as emisións de gas de efecto invernadoiro.
Neste escenario, urxe pasar á acción, pois, pola contra, a temperatura media do planeta podería aumentar uns 3ºC este século, e os seus negativos efectos cebaranse especialmente cos máis pobres e vulnerables.
Os expertos indican que estamos ante un reto global que require dun traballo coordinado de toda a comunidade internacional, precisándose que os países en desenvolvemento avancen cara a unha economía baixa en carbono. Con vontade política e un amplo abano de medidas tecnolóxicas, consideran que aínda é posible limitar o aumento da temperatura media global a dous grados Celsius por riba dos niveis pre-industriais, apuntando a 1,5ºC.
Namentres, que pode facer o cidadán ? A FAO apunta a 8 accións climáticas básicas:
1.- Non tires comida
2.- Come máis froita e legumes
3.- Aforra enerxía.
4.- Xestiona correctamente os residuos (Reduce, Reutiliza e Recicla).
5.- Aforra auga.
6.- Come diferentes tipos de peixe.
7.- Limita o uso de plástico.
8.- Fai que a túa cidade sexa máis verde
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay