
- Esta suba constatouse nas 4 provincias, sendo significativa na de Lugo, cun 4,94%, e na de Pontevedra, cun 4,09%
- A materia orgánica depositada no contedor marrón tamén crece exponencialmente, nun 282%, pola incorporación de novos concellos á compostaxe industrial, acadando as 3.180 Tn entregadas nas plantas de biorresiduos de Sogama, fronte ás 833 de 2023
- No caso da bolsa negra, esta fracción viuse incrementada nun 0,45% de media, sendo superior na provincia de Ourense, cun 2,07%, e na de Lugo, cun 1,23%
Cerceda, a 17 de febreiro de 2025.- A contribución á reciclaxe da bolsa amarela, que aglutina os envases de plástico, latas e briks depositados no contedor da mesma cor, incrementouse en 2024 nunha media do 3,75%, subindo dende as 33.400 toneladas entregadas na planta de clasificación de Sogama en 2023 ás 34.653 toneladas do pasado ano. Un dato que vén acreditar a maior colaboración da cidadanía galega na recollida selectiva de residuos para que estes cobren unha nova vida a través da súa transformación en novos produtos.
O incremento na achega desta fracción de residuos tivo lugar nas catro provincias, sendo especialmente significativa na provincia de Lugo (4,94%), seguida pola de Pontevedra (4,09%), a da Coruña (3,35%) e, por último, a provincia de Ourense (2,34%).
Tamén se constatou nas 6 cidades que utilizan os servizos de Sogama, subindo un 14% en Lugo, un 6,9% en Santiago de Compostela e un 4,9% en Ferrol. No caso de Pontevedra, Ourense e Vigo, o incremento foi do 2,5%, 1,8% e 0,1% respectivamente.
Cómpre lembrar que os envases da bolsa amarela son seleccionados de forma automática, e por tipoloxías, na planta de clasificación de Sogama en Cerceda, utilizando para isto lectores ópticos, ciclóns aspiradores, electroimáns e correntes de Foucault. Unha vez prensados e embalados, remítense aos centros recicladores.
A materia orgánica depositada no contedor marrón tamén sobe exponencialmente pola incorporación de novos concellos á compostaxe industrial, concretamente nun 282%, acadando as 3.180 toneladas entregadas nas plantas de biorresiduos de Sogama, fronte ás 833 toneladas de 2023.
A estas cantidades habería que engadir as propias da compostaxe comunitaria e doméstica. De feito, un total de 232 concellos galegos, ademais de 218 centros educativos e 32 colectivos sociais, atópanse adscritos ao programa de autocompostaxe impulsado por Sogama, tendo repartido entre os mesmos, e de forma gratuíta, máis de 23.100 composteiros.
Pola súa banda, a bolsa negra, ou fracción resto recollida a través do contedor xenérico, viuse incrementada en 2024 nunha media do 0,45% (desde as 776.689,19 toneladas entregadas en 2023 ás 780.199,59 toneladas de 2024). A provincia de Ourense rexistrou a maior subida, cun 2,07%, seguida pola de Lugo, cun 1,23% e a da Coruña, cun 0,62%. Na provincia de Pontevedra, con todo, viuse minorada en -0,44%.
En canto ás cifras das grandes cidades, Ourense sitúase á cabeza na maior produción de bolsa negra, cun incremento do 2,4%. Séguenlle Lugo e Santiago de Compostela, cun 1,6% e un 1,4% respectivamente, situándose á cola Pontevedra, Ferrol e Vigo, onde a fracción resto subiu nun 0,6%, 0,5% e 0,2%.
Incentivando a mellora continua
Así as cousas, e aínda que a reciclaxe en Galicia evoluciona favorablemente, debe seguir mellorando para acadar os obxectivos europeos. De aí a necesidade de contar cunha maior implicación dos concellos, xa que son estes quen teñen a competencia na xestión dos refugallos.
A maior reciclaxe e a necesaria redución da produción de bolsa negra, non só traerá consigo importantes beneficios ambientais, senón tamén económicos, pois os entes locais, ademais de ingresos polos materiais destinados á reciclaxe, tamén diminúen o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da fracción resto.
Saúdos, Departamento de Comunicación