- Nun informe publicado o pasado mes de abril, saliéntase que a pandemia supuxo un gran reto para as autoridades locais á hora de manter os servizos municipais de residuos ao dispor da cidadanía.
Cerceda, a 27 de maio de 2021.- ACR+, a Asociación de Cidades e Rexións pola Xestión Sostible dos Recursos, publicou o pasado mes de abril un informe no que analiza o impacto da Covid-19 nos sistemas municipais de xestión de residuos, concretamente da primeira onda (de febreiro a xuño de 2020).
No mesmo saliéntase que a pandemia supuxo un gran reto para as autoridades locais á hora de manter os servizos municipais de residuos ao dispor da cidadanía.
En marzo de 2020, respondendo as peticións dos seus membros, ACR+ comezou a recompilar datos sobre os cambios introducidos na xestión dos residuos municipais en diversas partes de Europa, tanto no que respecta á normativa e directrices propostas polas autoridades nacionais e rexionais, como ás prácticas locais aplicadas polas autoridades e as empresas de residuos.
En xullo de 2020, e no marco do proxecto COLLECTORS, cuxo piar é o intercambio de coñecementos entre territorios, ACR+ lanzou unha enquisa en liña para comprender mellor as medidas adoptadas a nivel local e a evolución das cantidades xeradas e clasificadas de refugallos municipais.
- A xeración de residuos urbanos diminuíu na maioría das cidades, cunha redución significativa dos asimilados xerados polas actividades comerciais, que non compensou o aumento dos domiciliarios vinculados ás medidas de peche. Así mesmo, as zonas turísticas experimentaron importantes descensos.
- O rendemento da clasificación de refugallos mantívose e mesmo mellorou en moitos territorios.
- As autoridades locais tiveron que priorizar os servizos de residuos para adaptarse aos cambios de xeración e, nalgúns casos, de escaseza de persoal.
- As medidas adoptadas para a recollida de residuos potencialmente contaminados foron bastante diferentes dun municipio a outro. Algúns estableceron roteiros de recolección específicos para fogares con casos de COVID-19 e outros só impuxeron medidas de prevención.
Fonte: ACR+
Imaxe: Pexels