- Desde que se decretou o estado de alarma, non resulta fácil manter aos nenos ocupados con actividades atractivas, sobre todo cando os pais tamén traballan desde casa.
- Elaborar instrumentos musicais a partir de residuos, clasificar materiais, construír botes con refugallos plásticos e programar un show de moda con roupa reciclada, entre as recomendacións de ONU Medio Ambiente.
Cerceda, a 16 de abril de 2020.- Moitas escolas e universidades pecharon as súas portas con motivo do Covid-19. Segundo a UNESCO, máis da metade da poboación estudiantil mundial está afectada polas suspensións en máis de 100 países. Neste escenario, resulta difícil manter aos nenos ocupados con actividades atractivas, especialmente cando os pais traballan desde a casa.
ONU Medio Ambiente comparte algunhas ideas para entretelos e, á vez, que tomen conciencia dun dos maiores desafíos ambientais do noso tempo: a contaminación por plásticos.
Facer un instrumento musical con residuos
Seguindo o exemplo de Shady Rabab, gañador do premio Mozos Campións da Terra en 2018, e que ensinou a nenos de zonas desfavorecidas a crear música con artigos de plástico para demostrar ao mundo que é posible dar unha nova vida aos materiais que consideramos lixo, poderíase alentar aos pequenos a usar residuos plásticos para facer os seus propios instrumentos. Ata poden organizar un concerto no fogar ou transmitilo nas redes sociais.
Clasificar os materiais e aprender a reciclar
Todos os días úsanse multitude de produtos plásticos. Un bo exercicio é pedirlles que identifiquen os que hai na casa e que pensen en que contedor deberían depositarse unha vez esgotada a súa vida útil.
Construír botes con residuos plásticos
Pode resultar unha alternativa divertida, sobre todo cando os poñen a flotar no baño ou no lavabo, ou levar os xoguetes a dar un paseo en bote.
O ano pasado, a campaña Mares Limpos apoiou unha actividade como esta, pero a gran escala. O Flipflopi, un bote de nove metros de longo feito con 10 toneladas de lixo reciclado, navegou desde Lamu, Kenia, ata Zanzíbar para crear conciencia sobre a contaminación por plásticos.
Un show de moda con roupa reciclada
Consiste en facer obxectos novos con cousas vellas ou usadas, ou ben con material de refugallo, e organizar un desfile de moda coas súas novas creacións.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay