-
Un novo informe do PNUMA alude a unha serie de cambios críticos que están a acelerar a tripla crise planetaria: a degradación do mundo natural, o rápido desenvolvemento de tecnoloxías como a IA, a competencia polos recursos naturais, o aumento das desigualdades e a diminución da confianza nas institucións
Cerceda, a 17 de xullo de 2024. Un novo informe elaborado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e o Consello Internacional de Ciencias (ISC, polas súas siglas en inglés), e que leva por título “Navegando novos horizontes: un informe de previsión mundial sobre a saúde planetaria e o benestar humano”, faise eco de oito cambios mundiais críticos que están a acelerar a tripla crise planetaria: cambio climático, perda de biodiversidade e natureza, e contaminación e refugallos.
Os cambios inclúen a degradación do mundo natural por parte da humanidade, o rápido desenvolvemento de tecnoloxías como a IA, a competencia polos recursos naturais, o aumento das desigualdades e a diminución da confianza nas institucións. Estes cambios están a crear unha policrise con enormes consecuencias para o benestar humano e planetario.
Entre as dezaoito sinais de cambio que as acompañan, identificadas por centos de persoas expertas a nivel mundial a través de consultas rexionais e coas partes interesadas, alúdese ás seguintes:
- Prevese que a demanda de elementos críticos de terras raras, minerais e metais para impulsar a transición cara ao obxectivo de cero emisións netas se multiplique por catro de aquí a 2040, o que aumentará as peticións de extracción en augas profundas e mesmo no espazo. Isto expón ameazas potenciais para a natureza e a biodiversidade, xa que podería aumentar a contaminación e os refugallos, e desencadear máis conflitos.
- Ao desconxelarse o permafrost nun planeta cada vez máis caloroso, é posible que se liberen organismos ancestrais que poden ser patóxenos, o que tería importantes consecuencias para o medio ambiente, os animais e os seres humanos.
- Aínda que a intelixencia artificial (IA) e a transformación dixital poden achegar beneficios, existen repercusións ambientais, coma o aumento da demanda de minerais críticos e elementos de terras raras e de recursos hídricos para satisfacer a demanda dos centros de datos. O uso da IA en sistemas de armamento e aplicacións militares, e o desenvolvemento da bioloxía sintética, necesitan unha revisión coidadosa a través dunha perspectiva ambiental.
- Os conflitos armados e a violencia están a aumentar e evolucionando, provocando a degradación dos ecosistemas e a contaminación, o que repercute nas poboacións vulnerables.
- Os desprazamentos forzados aumentan o impacto sobre a saúde humana e o medio ambiente. Actualmente, unha de cada 69 persoas vese obrigada a desprazarse, unha cifra que practicamente se duplicou con respecto a fai dez anos. Os conflitos e o cambio climático son os seus principais causantes.
Con todo, e malia estes sinais de cambio, o informe conclúe que o uso de ferramentas de previsión pode axudar ao mundo a anticiparse e prepararse para os próximos desafíos emerxentes e as futuras perturbacións. Así, o informe recomenda adoptar un novo contrato social no que participen diversas partes interesadas, incluídos os Pobos Indíxenas, dar máis voz á mocidade e reformularse as medidas de progreso para ir máis aló do PIB.
Así mesmo, os gobernos e as sociedades tamén poden introducir obxectivos e indicadores a máis curto prazo que lles permitan ser máis áxiles na gobernanza.
Se ben é certo que os impactos das múltiples crises están amplificando os danos ao medio ambiente e á saúde humana, as solucións están á vista e hai accións en marcha que abordarían os cambios globais e os sinais de cambio identificadas no informe. O proceso de previsión pode axudar a acelerar estas accións de resposta e a desencadear moitas máis.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente