- Leva por título “Planificar e reutilizar, todo é empezar” e enmárcase nun proxecto de alimentación que esta asociación levou a cabo durante varios meses en colaboración con AECOSAN.
- Na publicación destácase a inxente cantidade de comida arroxada ao lixo, sendo España o sétimo país europeo que máis alimentos desperdicia, con 7,7 millóns de toneladas anuais.
- Así mesmo, ponse de relevo as graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais deste fenómeno.
- O manual, de carácter gratuíto, distribúese a través de todas as súas sedes rexionais, estando tamén a disposición dos interesados na súa páxina web corporativa.
Cerceda, a 30 de xaneiro de 2019.- Reducir o desperdicio alimentario, un dos requisitos para avanzar cara a unha economía circular, constitúe o principal obxectivo da publicación que lanzou a asociación de consumidores ADICAE, toda vez que España é o sétimo país europeo que máis comida arroxa ao lixo, con 7,7 millóns de toneladas anuais.
Baixo o título “Planificar e reutilizar, todo é empezar”, a guía enmárcase nun proxecto de alimentación que esta asociación levou a cabo durante varios meses en colaboración con AECOSAN (Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición), sendo a súa pretensión reforzar o coñecemento dos consumidores en materia de alimentación en toda a súa amplitude (coñecemento das características dos alimentos e conservación dos mesmos).
ADICAE considera que, a través da información, complementada con datos e cifras, é posible lograr unha maior concienciación da poboación sobre un problema con serias repercusións ambientais, económicas, sociais e morais, pois, ademais de supoñer un malgaste económico e de recursos (como é o caso da auga), o desperdicio alimentario contribúe en boa medida á emisión de gases de efecto invernadoiro.
De forma paralela, a organización levou a cabo outras actividades tales como a celebración de xornadas nas que contou con expertos autorizados na materia, a promoción de concursos de cociña sostible, así como talleres nos que puxo de relevo a importancia do consumo responsable, informado e consciente que permita reducir o desperdicio alimentario.
Os datos dun estudo difundido pola FAO, e no que se alertaba sobre a inxente cantidade de comida desperdiciada no mundo (en torno a un terzo dos alimentos producidos para o consumo humano), serviron de punto de referencia e fonte de inspiración para ADICAE, coa particularidade de que un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible é precisamente lograr a Fame Cero no planeta para 2030.
GRATUÍTO E A DISPOSICIÓN DE TODOS OS INTERESADOS
O manual, de carácter gratuíto, distribúese a través das sedes rexionais de ADICAE, estando tamén a disposición dos interesados na súa páxina web corporativa.
No mesmo faise un percorrido completo dos alimentos: desde a súa produción, distribución e comercialización ata a súa chegada aos fogares, proporcionando claves para a mellor comprensión do etiquetado, así como para conservación e máximo rendemento dos produtos, evitando que acaben arroxados ao cubo do lixo.
A guía poida descargarse a través de http://otroconsumoposible.es/publicacion/planificar-y-reutilizar.pdf
Fonte e imaxe: ADICAE
Saúdos, Departamento de Comunicación