- Os traballos inclúen a construción dunha tolva específica con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de biorresiduos e a substitución da envolvente da actual instalación co obxectivo de aumentar o seu illamento acústico
- Unha vez rematada a actuación, integrarase na rede pública galega de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, integrada por 17 plantas e na que o Executivo galego investiu, a través de Sogama, un total de 45 M€
En Cerceda, a 2 de setembro de 2024.- Sogama adxudica, por máis de 1,4 M€, a obra de construción dunha tolva para o transvasamento de biorresiduos na planta de transferencia de Guixar, en Vigo, así como a substitución da envolvente do conxunto da instalación.
Unha vez culminado o contrato, cun prazo de execución de 24 semanas, os biorresiduos recollidos no termo municipal de Vigo a través do contedor marrón, poderán ser transportados a esta instalación, que contará con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de materia orgánica a contedores de gran capacidade, que viaxarán ata a planta de compostaxe de Vilanova de Arousa para ser convertidos en abono.
Coa posta en marcha desta tolva específica en Guixar, completarase a rede pública de infraestruturas de compostaxe, deseñada pola Xunta e executada por Sogama para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir a lexislación vixente.
A rede está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de tratamento de biorresiduos (Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra) e 13 plantas de transferencia de apoio (6 de nova construción (A Lama e Arbo, na provincia de Pontevedra; Riotorto, na de Lugo; e Ponteceso, Cee e Curtis, na provincia da Coruña) e 7 sometidas a remodelación (Silleda, O Porriño e Vigo, na provincia de Pontevedra; San Cibrao das Viñas e A Rúa, na de Ourense; Lugo; e Narón, na provincia da coruña), sendo o seu obxectivo propiciar que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama, e que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitíndolles desta forma aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Cabe lembrar que Sogama destinou a estas 17 infraestruturas un investimento total de 45 M€, dos cales 30 M€ procederon dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación