- Localizada no Complexo Medioambiental de Cerceda, esta instalación recepciona os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través dos contedores amarelos para proceder á súa separación mecánica por tipoloxías e posterior envío aos centros recicladores
- O contrato -cunha duración inicial de 3 anos, extensible a 5 e cunha prórroga excepcional de 9 meses-, está orientado a incrementar as toneladas de envases destinadas á reciclaxe, de aí que a facturación se basee na cantidade de toneladas recuperadas polo adxudicatario
Cerceda, a 26 de decembro de 2023.- Sogama vén de adxudicar á empresa Prezero España S.A.U, por un importe de máis de 32 millóns de euros, a xestión integral da planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama, localizada no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña)..
Nesta instalación recepciónanse os envases de plástico, as latas e os briks depositados polos cidadáns nos contedores amarelos presentes nos concellos adheridos a Sogama (máis do 90%), procedendo á selección automática dos mesmos por tipoloxías de material e posterior envío aos centros de reciclaxe para que sexan convertidos en novas materias primas e reincorporados ao circuito comercial cunha nova vida; un proceso co que se garante un notable aforro, tanto medioambiental como económico, ao converter os residuos en recursos.
O contrato -cunha duración inicial de 3 anos, extensible a 5 e cunha prórroga excepcional de 9 meses-, está orientado a incrementar as toneladas de envases destinadas á reciclaxe, de aí que a facturación se basee na cantidade de toneladas recuperadas polo adxudicatario. Para isto, resulta esencial, ademais dun correcto mantemento da planta, unha actualización dos equipos, propiciando que o funcionamento do conxunto acade niveis óptimos.
Desde a dimensión social, o adxudicatario queda obrigado a subrogar o persoal adscrito a esta planta conforme ao “Convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Medioambiental de Cerceda como subcontratas de Sogama”.
Cara a unha maior eficiencia e produtividade
A correcta implantación da Metodoloxía 5S nas súas distintas fases e as actuacións orientadas a incrementar o rendemento e a eficiencia da instalación, constituíron aspectos valorados de forma moi positiva na análise de ofertas, sen esquecer o debido cumprimento da Autorización Ambiental Integrada de Sogama, na que se contemplan as esixencias ambientais para a explotación das distintas instalacións, as medidas de protección de solos, os niveis sonoros xerados no Complexo Medioambiental e os niveis de calidade de cheiros.
Neste senso, cabe recordar que Sogama lidera un Proxecto europeo, bautizado co acrónimo de GRESINT, e financiado con Fondos FEDER, que está focalizado na transformación dixital intelixente do proceso de recollida e clasificación de residuos de envases.
Trátase dun proxecto transversal e innovador que combina tecnoloxía, sostibilidade e circularidade, e cuxa pretensión é avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que melloren a clasificación dos envases e logren impactar no resto da cadea de valor. Desta forma, contribuirá a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme aos preceptos da economía circular.
Elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), conta coa participación, no caso de Galicia, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, no caso de Portugal, coa Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Saúdos, Departamento de Comunicación