- No seu informe Plásticos biodegradables e compostables: desafíos e oportunidades, describe de forma xenérica os plásticos que, con frecuencia, se etiquetan de xeito algo confuso como compostables, biodegradables, oxodegradables e/ou de base biolóxica, explicando o significado destes termos.
- Sinala que é posible que moitos consumidores non saiban que as condicións de degradación nos composteiros domésticos e a ceo aberto son moi diferentes respecto das plantas de compostaxe industrial.
- Asegura tamén a Axencia que, se se aplican a situacións específicas e se xestionan correctamente unha vez concluída a súa vida útil, estes plásticos poden proporcionar importantes beneficios medioambientais. Noutras condicións, poderían biodegradarse lentamente ou non biodegradarse ou fragmentarse en microplásticos.
Cerceda, a 3 de setembro de 2020.- A maioría dos plásticos que utilizamos hoxe en día están elaborados a partir de combustibles fósiles, contribuíndo a incrementar as emisións de gases de efecto invernadoiro desde a súa produción ata o seu uso e posterior eliminación.
Os plásticos, incluídos os seus aditivos químicos, poden permanecer na natureza durante moitos anos e incorporarse á cadea alimentaria, cos riscos que isto conleva. No marco da crecente demanda pública, varios fabricantes introduciron no mercado plásticos considerados de base biolóxica, compostables ou biodegradables. Con todo, a comercialización dos mesmos tan só alcanza o 1%.
A AEMA (Axencia Europea de Medio Ambiente) pronunciouse ao respecto a través do seu informe "Plásticos biodegradables e compostables: desafíos e oportunidades", no que describe de forma xenérica os plásticos que, con frecuencia, se etiquetan de xeito algo confuso como compostables, biodegradables, oxodegradables e/ou de base biolóxica, explicando o significado destes termos.
Se ben cabe entender, a priori, que estes plásticos reducen o problema de contaminación orixinado polos plásticos non biodegradables, o certo é que deben xestionarse e eliminarse de forma correcta. Os microorganismos poden descompoñer os materiais biodegradables e compostables en auga, dióxido de carbono, sales minerales e nova biomasa dentro dun período de tempo definido, pero é posible, apunta a AEMA, que moitos consumidores non saiban que as condicións nos composteiros domésticos e a ceo aberto son moi diferentes respecto das plantas de compostaxe industrial. A rapidez coa que un artigo de plástico biodegradable ouc ompostable se biodegrada, depende en gran medida das condicións ás que está exposto durante este proceso.
Os distintos tipos de plásticos biodegradables e compostables están deseñados para biodegradarse en condicións específicas. Noutras condicións, poderían biodegradarse lentamente ou non biodegradarse ou fragmentarse en microplásticos. Polo tanto, se se aplican a situacións específicas e se xestionan correctamente unha vez concluída a súa vida útil, poden proporcionar importantes beneficios medioambientais. Non obstante, a Axencia Europea de Medio Ambiente asegura que estes plásticos aínda están lonxe de proporcionar unha solución independente aos desafíos aos que se enfrontan os plásticos en xeral.
O informe apunta que, introducindo novas melloras no seu uso e eliminación, contribuirían a que o seu uso sexa máis efectivo, xa que é probable que o mercado destes produtos creza nos próximos anos, engadindo que, nunha economía circular na que a Unión Europea está traballando a través do Pacto Verde Europeo, todos os plásticos deben reciclarse en novos plásticos como primeiro paso.
Fonte e imaxe: AEMA