- Un novo informe sinala que as políticas que promoven decisións circulares por parte dos consumidores son máis efectivas se están deseñadas para abordar os factores que dan forma ao comportamento individual
Cerceda, a 3 de xuño de 2022.- Segundo o novo informe da AEMA (Axencia Europea de Medio Ambiente), que leva por título “Habilitar as opcións do consumidor para unha economía circular”, as políticas que promoven decisións circulares por parte dos consumidores son máis efectivas se están deseñadas para abordar os factores que dan forma ao comportamento individual.
Os produtores non só responden á demanda dos consumidores, senón que tamén a moldean a través dos artigos ofrecidos e de como estes se comercializan. Pola súa banda, as eleccións dos consumidores dan forma ás decisións tomadas polos actores augas arriba, como é o caso dos deseñadores de produtos, e augas abaixo, como os recicladores nas cadeas de subministración.
OUTROS FACTORES
Os factores económicos, como é o prezo dos produtos, adoitan ser os máis relevantes na toma de decisións do consumidor. Con todo, hai outros que entran en xogo: o grao de satisfacción, a información dispoñible, factores sociais tales como o cumprimento das normas sociais, os valores da comunidade e exemplos de modelos a seguir, así como as preferencias e crenzas individuais relacionadas co prestixio, a lealdade á marca ou valores persoais.
Tradicionalmente, aspolíticas tiveron como obxectivo brindar información aos consumidores (como etiquetas ecolóxicas) e, en menor medida, facer que as alternativas circulares sexan economicamente máis atractivas.
Hai oportunidades para explorar unha variedade de opcións de políticas futuras en diferentes niveis de gobernanza, incluídas exencións fiscais e subsidios, regulacións legalmente vinculantes, evitar o lavado verde, facer que as opcións circulares sexan máis convenientes e usar etiquetas ecolóxicas e medidas para mellorar o apego emocional aos produtos, por exemplo.
A Unión Europea xa se moveu para implementar medidas orientadas a facer que as opcións favorables á economía circular sexan máis atractivas e convenientes para os consumidores. Por exemplo, a iniciativa de produtos sostibles da Comisión Europea, que se centra en proporcionar información a través da etiquetaxe e pasaportes de produtos, e colocar requisitos de produtos centrados na durabilidade e a reciclabilidade, entre outros.
Fonte e imaxe: Retema