- O documento mostra que a produción, o uso e o comercio de plásticos segue a crecer, unha situación á que tamén contribúe a pandemia do coronavirus.
- O aumento dos refugallos plásticos debido á demanda de máscaras e luvas, ademais dos cambios na produción e a utilización de artigos de plástico dun só uso, poden comprometer a curto prazo os esforzos da UE para frear o impacto ambiental deste material.
- O estudo tamén considera necesario o uso de materias primas renovables na produción de plásticos.
Cerceda, a 19 de febreiro de 2021.- Se ben nos últimos anos percíbese unha maior concienciación e preocupación sobre a forma en que refugamos os plásticos e o seu pernicioso impacto sobre o medio mariño e terrestre, un informe da AEMA (Axencia Europea de Medio Ambiente) chama a atención sobre moitos outros efectos negativos deste material, como a súa contribución ao cambio climático e os novos retos relacionados coa pandemia da COVID-19.
Así se recolle no estudo Plastics, the circular economy and Europe′ s environment — A priority for action (Plásticos, a economía circular e o medio ambiente en Europa: unha prioridade para a acción). No mesmo móstrase que a produción, o uso e o comercio de plásticos segue a crecer, unha situación á que tamén contribúe a pandemia do coronavirus.
O aumento dos refugallos plásticos debido á demanda de máscaras e luvas, ademais dos cambios na produción e a utilización de artigos de plástico dun só uso, como os recipientes de comida para levar e as embalaxes para as vendas en liña, poden comprometer a curto prazo os esforzos da UE para frear a contaminación do plástico e iniciar unha transición cara a un sistema máis sostible e circular.
En 2018, a Comisión Europea presentou a primeira estratexia mundial integral para o plástico nunha economía circular, na que se establece o enfoque da UE para abordar os retos expostos polos plásticos, á que seguiu a Directiva sobre os plásticos dun só uso en 2019.
O informe da AEMA sinala tres vías que poden axudar a conseguir un sistema sostible para os plásticos no futuro: un uso máis intelixente dos mesmos, unha maior circularidade e o uso de materias primas renovables.
Os datos do inventario anual de gases de efecto invernadoiro da AEMA indican que as emisións anuais relacionadas coa produción de plásticos na UE ascenden a uns13,4 millóns de toneladas de CO2, ou aproximadamente o 20 % das emisións da industria química.
A viabilidade económica dos mercados europeo e mundial da reciclaxe de plásticos está sometida actualmente a unha gran presión. A menor demanda de plásticos reciclados tamén dificulta os esforzos de moitos municipios por manter prácticas sostibles de xestión de residuos.
«Os retos que formulan os plásticos débense, en gran medida, a que os nosos sistemas de produción e consumo non son sostibles. A pandemia da COVID-19 e o cambio climático espertaron un maior interese pola crise dos refugallos plásticos á que nos enfrontamos. É evidente que a mellor opción é promover unha transición cara a unha economía fundamentalmente sostible e circular na que se faga un uso máis racional destes materiais e se mellore a súa reutilización e reciclaxe. É máis, a produción de plásticos a partir de materias primas renovables debería ser o punto de partida», afirma Hans Bruyninckx, director executivo da AEMA.
Fontte: AEMA
Imaxe: Pexels