- A prevención do desperdicio de comida podería diminuír de forma considerable os impactos ambientais da produción, procesamento e transporte de alimentos.
- A AEMA considera que estes beneficios son moito maiores que os derivados da súa reciclaxe, que aínda así son necesarios e importantes.
Cerceda, a 3 de agosto de 2020.- A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) publicou o informe «Biorresiduos en Europa: converter os desafíos en oportunidades», no que fai un diagnóstico da situación desta fracción orgánica, conformada en gran medida por alimentos refugados e residuos de xardinaría, e o seu potencial para a transición cara a unha economía circular.
De acordo con este estudo, a redución e a recuperación de biorresiduos podería contribuír a diminuír emisións, mellorar a calidade dos solos e proporcionar enerxía en forma de biogás, constituíndo igualmente un apoio para a consecución dos esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, toda vez que representan o 34% dos refugallos municipais en Europa, coa particularidade de que, en torno ao 60% destes biorresiduos son restos de alimentos.
Ao longo de toda a cadea de valor, o desperdicio alimentario ascende a uns 173 kilogramos anuais por cidadán da UE, o que corresponde a aproximadamente unha quinta parte de todos os alimentos que se producen.
A prevención do desperdicio de comida podería diminuír de forma considerable os impactos ambientais da produción, procesamento e transporte de alimentos. Ao respecto, AEMA considera que estes beneficios son moito maiores que os derivados da súa reciclaxe, que aínda así son necesarios e importantes.
Asegura que moitos biorresiduos tamén poderían converterse nun fertilizante de alta calidade para a mellora de solos, así como en biogás, un combustible renovable. Isto require que se recollan por separado e que haxa unha boa selección dos mesmos en orixe. A contaminación dos residuos biolóxicos con plásticos é especialmente preocupante.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pixabay