- Unha cidadá alemá rexenta un supermercado especializado en comercializar alimentos con formas estrañas.
- A loita contra o desperdicio alimentario pasa tamén por aproveitar froitas e verduras que non teñen un aspecto perfecto.
Cerceda, a 14 de febreiro de 2019.- Nicole Klaski é unha moza alemá que vive na cidade de Colonia e que fai un par de anos fundou un curioso supermercado, “THE GOOD FOOD”, no que o protagonismo recae en froitas e verduras cuxas estrañas formas ou pequeno tamaño impedíronlles acceder aos grandes circuítos comerciais.
Cenorias con forma de patas de galo, cogombros retortos, patacas con forma de corazón ou mazorcas de millo ás que faltan algúns grans atraen as miradas dos clientes.
“Imaxínate se todas as persoas no planeta fosen exactamente iguais. Sería aburrido. O mesmo ocorre coas hortalizas. Deberiamos estar celebrando a súa diversidade”, afirma Klaski, que desde 2017 sostén unha cruzada contra o desperdicio alimentario nun país que, cada ano, desbota a friorenta de 11 millóns de toneladas de alimentos.
Cada semana, esta moza emprendedora e un grupo de voluntarios visitan as granxas próximas a Colonia e recuperan aqueles alimentos que, debido á súa estraña aparencia ou ás súas imperfeccións ou pequeno tamaño foron refugados para comercializalos a través das grandes cadeas de supermercados.
Ademais, tamén recuperan nos supermercados locais alimentos próximos a caducar, pero que aínda se atopan en perfectas condicións para ser consumidos. Estes produtos véndense no establecemento de Nicole ao prezo que os compradores consideren xusto.
É innegable que as grandes empresas comercializadoras de alimentos teñen un importante papel que desempeñar na loita contra o desperdicio de comida. Pero non é menos certo que son os consumidores quen inducen certos comportamentos, ao rexeitar os comestibles que non teñen unha aparencia perfecta.
Se temos presentes os custos de todo tipo que interveñen na produción e distribución do que comemos (sementes, terra, auga, abonos, combustibles, man de obra), tal vez comprendamos mellor o elevado custo medioambiental que conleva este fenómeno.
Nun mundo no que moitos millóns de seres humanos aínda padecen o azoute da fame e a malnutrición, o uso racional dos recursos, particularmente dos alimentos é, non só unha decisión económica e medioambientalmente rendible, senón, por riba de todo, unha obriga moralmente exixible.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación