- Ademais de explicar a actividade desta empresa pública, debullouse o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e proporcionáronse as claves para levalos á práctica
Cerceda, a 5 de outubro de 2023.- Alumnado dun ciclo de FP Básica do IES “Primeiro de Marzo” de Baiona (Pontevedra), que cursa estudos na área profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade, asistiu a unha sesión formativa impartida por un técnico de Sogama na que se explicaron os pormenores da xestión sostible de residuos municipais, as características do sistema Sogama e o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), proporcionando as claves para a súa aplicación.
Ademais de mostrarse moi interesados en coñecer o circuíto que seguen os residuos nas instalacións de Sogama, onde se separa a parte reciclable para ser convertida en novos produtos e valorízase enerxeticamente a non reciclable, extraendo da mesma a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos, formularon unha serie de dúbidas sobre o tratamento doutros residuos. É o caso dos envases de vidro e de papel/cartón, que non se atopan nas competencias de Sogama, pero que son recollidos por xestores autorizados e transportados a plantas especializadas de recuperación e/o tratamento para proceder á súa reciclaxe.
Neste sentido, é preciso lembrar que o vidro e o cristal non son o mesmo. A súa composición é diferente e é por isto que os vasos e copas de cristal non poden ser depositados no iglú verde pola imposibilidade de sometelos a idéntico tratamento que o vidro. O iglú está concibido para acoller únicamente botellas, frascos e tarros de vidro, sen tapas nin tapóns.
Respecto do papel, faise necesario depuralo previamente e retirarlle todos os elementos accesorios como grampas, arames, espirais, etc, a fin de facilitar a súa posterior recuperación.
Malia que, no ámbito educativo, a área de xestión de residuos poida entroncar con diferentes disciplinas obxecto de estudo, o certo é que debe ter un carácter transversal, xa que todos, sen excepción, xeramos cada día refugallos que deben ser xestionados correctamente para evitar o seu negativo impacto no medio ambiente e na saúde pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación