- O grupo visitou esta mañá o complexo medioambiental de Cerceda, onde foi atendido por técnicos da Sociedade, quen explicaron o alcance da súa ampliación.
- Cun investimento de 29 millóns de euros, permitirá incrementar a capacidade de tratamento da compañía nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000.
- A primeira fase pechouse o pasado mes de novembro coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais; a segunda, en curso, contempla a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
- Así mesmo, deixouse constancia da firme aposta de Sogama pola compostaxe, tanto na súa dimensión industrial como doméstica, tendo repartido neste último caso preto de 10.000 composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais.
Cerceda, a 18 de marzo de 2019.- Un grupo de alumnos de nivel Senior, con idades comprendidas entre 50 e 70 anos, e que cursan Enxeñería Industrial Superior na Universidade de Vigo, coñeceron esta mañá o proceso de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, a onde se desprazaron para ver de preto a súa actividade.
O grupo foi atendido por técnicos de Sogama, os cales explicaron o cometido desta empresa pública, centrándose no ambicioso proxecto de ampliación da súa infraestrutura industrial, ao que a empresa destina un investimento de 29 millóns de euros.
A primeira fase da obra, culminada en novembro de 2018, traduciuse na posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo convencional (bolsa negra). En liña coa industria 4.0, a instalación está equipada coas tecnoloxías máis innovadoras, permitindo separar de forma automática ata 11 tipoloxías de residuos, isto é, PEAD, Filme, Pet, Polipropileno, Poliestireno, Plástico mixto, Briks, Papel/Cartón, Aluminio, Aceiro e Vidro, que remite aos recicladores para a súa posterior transformación en novos produtos.
Entre outros mecanismos, a instalación conta con 8 equipos abre-bolsas, 18 trómeles de triaxe e 35 separadores ópticos.
O pasado mes de xaneiro, a empresa abordou a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, prevendo que, a mediados de ano, o proxecto de ampliación estea xa concluído, posibilitando que a capacidade do complexo se incremente nun 81%, pasando das 550.000 toneladas/ano nominais a 1.000.000. Isto quere dicir que a entidade, non só será capaz de tratar de forma óptima os residuos dos 295 concellos adheridos ao seu modelo, senón tamén os refugalos domésticos de toda Galicia, se así fose necesario.
MÁIS RECICLAXE, MÁIS COMPOSTAXE E MENOS VERTIDO
Ademais, esta mellora permitirá á compañía cuadruplicar as súas taxas de reciclaxe e reducir o depósito de lixo en vertedoiro, acadando no ano 2020 o denominado vertido técnico cero, que representa en torno ao 10%, é dicir, aquela fracción dos refugallos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Con isto, Sogama adiantarase en 15 anos ao cumprimento dun dos principais obxectivos do Parlamento Europeo en materia de residuos: que os Estados membros limiten o uso do vertedoiro ao 10% en 2035.
Así mesmo, o grupo recibiu explicacións sobre a firme aposta de Sogama pola compostaxe, tanto na súa dimensión industrial como doméstica. De feito, a entidade xa conta cunha planta de compostaxe que comezará a operar cando os concellos máis próximos implanten a recolleita selectiva da fracción orgánica dos residuos a través do quinto contedor.
A planta, con capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica, producirá da orde de 3.000/4.000 toneladas de compost.
Igualmente, Sogama conta cun programa de compostaxe doméstica ao que están adscritas máis de 290 entidades, entre concellos, centros escolares e colectivos sociais, e mediante o cal se promove a autocompostaxe da materia orgánica, unha práctica con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais. No marco desta iniciativa, Sogama xa repartiu preto de 10.000 composteiros.
De forma paralela, a empresa participa, en calidade de socio, nun proxecto europeo de cooperación transfronteriza bautizado co acrónimo Res2ValHum e cuxo obxectivo tamén é poñer en valor a fracción orgánica dos residuos con aplicacións que poden ir máis aló da remediación de solos, contemplando outros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas.
Saúdos, Departamento de Comunicación