- Educadores ao servizo desta empresa pública desprazaranse mañá a este centro para impartir unha sesión formativa dirixida a medio cento de estudantes.
- Falarase do principio dos tres erres e da actividade industrial de Sogama, pero tamén do desperdicio alimentario, da recuperación da materia orgánica e da contaminación por plásticos.
Cerceda, a 3 de xuño de 2019.- Medio cento de alumnos/as de hostalería e turismo do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra recibirán mañá clases de sostibilidade da man de Sogama. Técnicos desta empresa pública desprazaranse ao centro para impartir unha sesión formativa na que se falará da correcta xestión dos residuos, do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e da actividade industrial desta Sociedade.
Pero tamén se tratarán outras temáticas de gran interese como son o desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos e a recuperación da materia orgánica a través do compostaxe.
Tendo en conta unha das especialidades deste centro, a hostalería, abordarase a problemática que, a día de hoxe, supón as altas cantidades de comida que acaban arroxadas no cubo do lixo. Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaba desperdiciado, co conseguinte impacto ambiental, económico, social e moral. O fogar, cun 42%, constitúe o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, sendo o pan, as froitas, as hortalizas e as verduras os produtos que se refugan en maior medida.
Os monitores darán conta dunha serie de medidas para combater este problema como son facer unha lista previa da compra, revisar previamente a neveira e a despensa para consumir antes os artigos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
De feito, Sogama, en colaboración coa Escola de Hostalaría de Sober, editou no seu momento un recetario de cociña con sobras bautizado co título “Para repañar ou prato!” e, máis recentemente, co centro penitenciario de Monterroso (Lugo), cunha publicación en formato dixital denominada “Saboroso reciclaxe”.
Para os residuos alimentarios, é dicir, para aquela parte da comida non comestible, unha boa opción é utilizala como materia prima para a elaboración de compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e un perfecto substituto dos fertilizantes artificiais, toda vez que lle aporta nutrientes e protéxeos fronte a pragas e enfermidades.
Chamarase a atención sobre o feito de que o 80% do lixo mariño ten a súa orixe na terra, coa particularidade de que os plásticos viaxan arrastrados polas correntes mariñas, chegando a tardar séculos en descompoñerse. Ademais, os animais mariños inxírenos ao confundilos con alimentos, provocándolles en moitos casos a morte.
Os ecosistemas altéranse, así como o turismo, a pesca e a propia alimentación humana, xa que os microplásticos acaban nas nosas mesas a través do peixe que comemos ou o sal coa que aderezamos os nosos pratos.
Previr, reducir a produción de residuos, adquirindo unicamente o necesario, alongar a vida útil dos artigos a través da reutililización e segregar correctamente os refugallos en orixe, depositándoos posteriormente nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado, constitúen os mandamentos básicos para que o cidadán contribúa a unha correcta xestión do lixo que produce cada día, encargándose entidades como Sogama do seu tratamento final.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación