- Esta medida foi aplaudida pola OCU, pois supón un paso adiante na sostibilidade e reparabilidade dos artigos
- Outra novidade é a relativa á carga da proba, xa que se amplía de 6 meses a 2 anos o período no que o consumidor non necesita demostrar a falta de conformidade do produto
Cerceda, a 5 de xaneiro de 2022.- O prazo de garantía dos produtos pasa de 2 a 3 anos para os produtos vendidos a partir do 1 de xaneiro de 2022 e os fabricantes deberán asegurar as pezas de reposto durante 10 anos, e non durante 5, como ata o de agora.
Esta medida, recollida na Lei Xeral de Defensa dos Consumidores e Usuarios, foi aplaudida pola OCU (Organización de Consumidores e Usuarios), pois supón un paso adiante na sustentabilidade e reparabilidade dos artigos.
Así mesmo, a ampliación do prazo de dispoñibilidade dos repostos ata 10 anos vai en liña coa Axenda Europea do consumidor e facilitará a transición ecolóxica cara a un consumo máis sostible.
Polo tanto, na nova norma contémplase que:
- A garantía legal dos produtos pasa a ser de 3 anos.
- A obriga de manter a existencia de pezas de reparación e dun servizo técnico axeitado esténdese a 10 anos.
Outra novidade é a relativa á carga da proba, xa que se amplía de 6 meses a 2 anos o período no que o consumidor non necesita demostrar a falta de conformidade do produto.
No caso dos produtos dixitais, tanto contidos como servizos, a lei tamén avoga, por primeira vez, que se aplique unha garantía de 2 anos. Aquí inclúense "programas informáticos, aplicacións, arquivos de vídeo, de audio e de música, xogos dixitais, libros electrónicos ou outras publicacións electrónicas".
ADAPTACIÓN DO DEREITO EUROPEO
Con estas actualizacións, incorpórase ao dereito Español a Directiva Europea (UE) 2019/771 do 20 de maio de 2019, relativa a determinados aspectos dos contratos de compravenda de bens.
Con todo, para OCU, as medidas referenciadas deben ir aínda máis aló e completarse con outras como a creación dun índice de reparabilidade dos produtos que oriente a elección dos consumidores cara a artigos máis duradeiros.
Toda a información pode consultarse no BOE, Real Decreto-Lei 7/2021.
Fonte: OCU
Imaxe: Pexels