- Trátase dunha iniciativa enmarcada na necesidade de adoptar, por parte dos Estados membros da UE, as medidas pertinentes para que os residuos sometidos a reciclado deixen de ser residuos, sempre e cando cumpran unha serie de requisitos.
- No grupo están representados os principais fluxos de reciclado e contarase coa participación de expertos e empresas transformadoras que utilicen plástico reciclado nos seus produtos.
- Para ANARPLA, os criterios de fin de condición de residuo non deberían alterar o existente sistema de reciclaxe, senón simplemente identificar onde os residuos plásticos alcanzaron unha calidade suficiente para garantir que non se producen riscos ambientais ou danos ás persoas cando se transportan, procesan ou comercializan sen ser considerados como residuos.
Cerceda, a 26 de febreiro de 2020.- ANARPLA (Asociación Nacional de Recicladores de Plásticos) crea un grupo de traballo destinado a abordar o fin de condición de residuo dos plásticos. Trátase dunha iniciativa que se enmarca na necesidade de adoptar, por parte dos Estados membros da UE, as medidas pertinentes que permitan garantir que os residuos sometidos a reciclado deixan de ser residuos sempre e cando cumpran unha serie de requisitos.
A Asociación considera que o labor deste grupo, conformado inicialmente por 18 das principais empresas recicladoras de España, contribuirá á transición cara a unha economía circular real, toda vez que o obxectivo é promover a creación dun mercado de materias primas secundarias baseado na transparencia, a seguridade, a trazabilidade e a confianza do transformador.
No grupo estarán representados os principais fluxos de reciclado e contarase coa participación de expertos e empresas transformadoras que utilicen plástico reciclado nos seus produtos.
O CONSUMO DE PLÁSTICO RECICLADO MULTIPLICOUSE POR CINCO
Nos últimos 25 anos, o consumo de plástico reciclado multiplicouse en España por cinco. Desde a súa posta en marcha, os residuos e desperdicios plásticos definíronse como produtos que, unha vez reciclados, atendían a unha demanda de mercado de aplicacións substituíndo a materias plásticas primas virxes.
Na transposición á Lei de Residuos 22/2011, constan os criterios xerais para asignación do Fin de Condición de Residuos en España, a falta de desenvolvemento dun Regulamento Comunitario. Tendo en conta que determinados países xa dispoñen de lexislación ao respecto, a xuízo de ANARPLA débense evitar desequilibrios no mercado dentro da Unión Europea.
Para esta organización, os criterios de fin de condición de residuo non deberían alterar o existente sistema de reciclaxe, tanto se están actualmente en réxime de residuos ou recoñecidos como non residuos. Simplemente débese identificar onde os residuos plásticos alcanzaron unha calidade suficiente para garantir que non se producen riscos ambientais ou danos ás persoas cando se transportan, procesan ou comercializan sen ser considerados como residuos.
O principal obxectivo do grupo de traballo é cooperar co goberno para determinar os criterios que garantan un nivel elevado de protección do medio ambiente e da saúde humana, e así facilitar a utilización prudente e racional dos recursos naturais. Estes criterios deberán determinar as condicións legais, ser operativos, non supoñer novas cargas desproporcionadas e efectos secundarios indesexables.
Fonte e imaxe: ANARPLA
Saúdos, Departamento de Comunicación