- A Asociación atópase repartindo entre os seus asociados máis de 16.000 bolsas de papel certificado PEFC cedidas por Sogama, promovendo desta forma o uso dun material renovable e respectuoso co medio ambiente.
- A iniciativa enmárcase na campaña “No camiño da sostibilidade”, impulsada por esta empresa pública.
- Cabe recordar que, desde o 1 de xullo de 2018, os comercios están obrigados a cobrar as bolsas plásticas que entregan aos clientes.
- A meirande parte das bolsas plásticas só se usan unha vez durante unha media de 12-15 minutos e tardan entre 100 e 500 anos en degradarse por completo, atopándose entre os dez artigos de plástico máis frecuentes no lixo mariño.
Cerceda, a 6 de xuño de 2019.- Co fin de limitar o desmesurado uso de bolsas plásticas por parte de comerciantes e consumidores, APE Galicia (Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia) procedeu á distribución, entre os seus asociados, de máis de 16.000 bolsas de papel certificado PEFC cedidas por Sogama, promovendo desta forma un material renovable e respectuoso co medio ambiente.
A iniciativa enmárcase na campaña “No camiño da sostibilidade”, promovida pola empresa pública e que precisamente viu a luz con motivo da conmemoración de dúas datas claves no calendario verde: 17 de maio, Día Internacional da Reciclaxe, e 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.
Cabe recordar que, desde o 1 de xullo de 2018, os comercios están obrigados a cobrar todas as bolsas plásticas que entregan aos clientes, a excepción das moi lixeiras en calidade de envases primarios destinados a acoller alimentos a granel, así como as grosas que teñan unha porcentaxe de plástico reciclado igual ou superior ao 70%.
Pola súa banda, o 1 de xaneiro de 2020, as bolsas plásticas grosas deberán conter, alomenos, un 50% de plástico reciclado, quedando prohibidas as fragmentables, xa que,debido ao seu contido en aditivos, supoñen un elevado impacto para o medio ambiente.
E, a partir do 1 de xaneiro de 2021, prevese prohibir as bolsas plásticas lixeiras e moi lixeiras, exceptuando as compostables.
A normativa, en plena sintonía coa Estratexia Europea de Plásticos, pretende facer fronte ao abandono de plásticos na contorna, ademais de evitar o consumo de plásticos dun só uso e aumentar as taxas de reutilización e reciclado deste material.
OS PLÁSTICOS DE USAR E TIRAR TEÑEN OS DÍAS CONTADOS
A meirande parte das bolsas plásticas só se usan unha vez durante unha media de 12-15 minutos e tardan entre 100 e 500 anos en degradarse por completo, supoñendo unha seria ameaza para a contorna, coa particularidade de que se atopan entre os dez artigos de plástico máis frecuentes no lixo mariño.
Ao respecto, é preciso sinalar que, recentemente, o pleno do Parlamento Europeo acordou a prohibición de plásticos dun só uso tales como pratos, cubertos, palliñas e bastonciños a partir do ano 2021, que conforman o 70% do lixo mariño plástico.
Debido ao seu lento proceso de degradación, o plástico dana os ecosistemas mariños e atenta contra a supervivencia da fauna, toda vez que tartarugas, focas, baleas e aves o inxiren ao confundilo con alimento, coa particularidade de que chega tamén á alimentación humana a través dos peixes e mariscos que comemos e o sal co que aderezamos os nosos pratos.
Con esta campaña, APE Galicia quere aportar o seu gran de area na transición que a sociedade debe realizar cara á economía circular, un modelo que prima o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a transformación destes en recursos, abandonando o xa obsoleto sistema lineal, caracterizado polas malas prácticas de usar e tirar.
Saúdos, Departamento de Comunicación