- Utiliza os recursos naturais con moderación, practica os tres erres, consome produtos locais, evita o desperdicio alimentario, utiliza cremas solares ecolóxicas e móvete en medios de transporte menos nocivos para a contorna.
Cerceda, a 2 de agosto de 2021.- A situación da pandemia segue requirindo da máxima responsabilidade, tanto individual como colectiva, para frear o índice de contaxios. Para isto, debemos adecuar os nosos comportamentos ás circunstancias e respectar as normas establecidas polas autoridades en cada momento.
Pero, máis aló das medidas adoptadas para protexernos e protexer aos demais do virus, en vacacións é necesario non baixar a garda na protección do medio ambiente, debendo actuar baixo a premisa da máxima sostibilidade.
1. Utiliza os recursos naturais con moderación
Prescinde do aire acondicionado se non é absolutamente necesario. Na maioría dos casos, un ventilador é suficiente para estar cómodos e o seu consumo enerxético é moito menor.
Lembra que non por aloxarte nun hotel as túas duchas deben ser máis longas do habitual e que as toallas non teñen por que cambiarse todos os días se non é preciso.
2. Os tres « R» (reducir, reutilizar e reciclar), sempre presentes
Esteas onde esteas, tenta diminuír a produción de residuos, opta por bebidas envasadas en botellas reutilizables, prescindindo das de plástico dun só uso, e separa os refugallos en orixe para o seu posterior depósito nos contedores correspondentes a fin de propiciar a súa reciclaxe. Ollo coas máscaras: o seu destino debe ser sempre o contedor da fracción resto.
3. Consome produtos locais
Goza da cultura, costumes, gastronomía e tradicións locais. Se vas adquirir recordos ou agasallos, busca produtos que realmente sexan representativos da sociedade do lugar de destino.
4. Evita o desperdicio de comida
Non compres máis alimentos dos necesarios, revisa previamente a despensa e a neveira, diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente, e aproveita as sobras para elaborar novos menús.
Nos restaurantes, pide as racións que realmente vas comer. E, se sobra, lévao para a casa.
5. Utiliza cremas solares ecolóxicas
Dá preferencia ás cremas solares biodegradables. As comúns producen peróxido de hidróxeno, un elemento con gran impacto sobre a vida acuática, especialmente nos lugares con maior masificación de turistas.
6.- Mobilidade sostible
Na medida do posible, utiliza o transporte público e prescinde do vehículo privado.
A bicicleta é unha boa opción para distancias relativamente curtas: farás exercicio físico, beneficioso para a saúde, e non contaminarás.
Saúdos, Departamento de Comunicación