- Nun vídeo, a organización lembra que todos os envases de aluminio débense depositar no contedor amarelo e que, grazas á reciclaxe, en torno ao 75% do aluminio producido fai máis dun século segue en uso
Cerceda, a 23 de decembro de 2024.- A Asociación para a Reciclaxe de Produtos de Aluminio (ARPAL) lembra que, nas Festas do Nadal, seguimos a xerar residuos de envases de aluminio e que non debemos perder o hábito de depositalos no lugar correspondente: o contedor amarelo. Así o divulga nun vídeo desenvolvido no estudio de noticias “Alu Talks”.
A organización chama a atención sobre o feito de que, durante os días de reunións e encontros familiares, aumenta o consumo de envases de aluminio semi-ríxidos (bandexas para alimentos ou terrinas para preparar os menús), así coma o de envases ríxidos (latas de bebida, envases nos que vén a nata, tarros de cosmética e latas de conservas) e envases flexibles (tapas de iogures, de flanes, cuberta dos tapóns das botellas de viño, follas flexibles que protexen o contido dos doces, envoltorios para agasallos e papel de aluminio utilizado como conservante de calor das comidas e como soporte doutros utensilios para introducir no forno). Así mesmo, pon o foco no papel utilizado na decoración de Nadal, que posteriormente se pode encartar ata formar unha bóla de aluminio cuxo destino debe ser o contedor amarelo.
Obxectivo 2030: superar a reciclaxe do 60%
En 2023, España reciclou 79.957 toneladas de envases de aluminio a través de distintos fluxos como son as plantas de selección, plantas de Residuos Urbanos, recollidas selectivas fóra do fogar, recuperadores de residuos e escorias de plantas de valorización enerxética. Esta cifra representa un 52,2 % do total de envases de aluminio postos no mercado, coa particularidade de que preto do 50% do material recuperado provén de diversas recollidas selectivas, o que evidencia a maior concienciación da poboación coa reciclaxe.
Pola súa banda, a cantidade de envases de aluminio postos no mercado segue crecendo, alcanzando as 153.064 toneladas en 2023. A Directiva Europea 2018/852 do Parlamento Europeo e do Consello establece que, en 2025, debe reciclarse o 50% dos envases de aluminio e, en 2030, o 60%. A día de hoxe, alcanzouse o obxectivo previsto para o próximo ano e agora ARPAL centra os seus esforzos en conseguir superar o 60% para 2030.
A Asociación leva 30 anos contribuíndo a dar unha nova vida ao aluminio, dados os beneficios da súa reciclaxe para o medio ambiente e a economía. Todo o aluminio que se recupera recíclase, xa que este metal é o material de envase de máis valor no mercado. De feito, o 75% de todo o aluminio que se fabricou desde hai un século atópase actualmente en uso, en forma de diversos produtos.
Fonte e imaxe: ARPAL