- O CPR Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas, marcou o inicio da fase formativa presencial, que se desenvolverá ao longo de toda a semana nos 20 colexios da comunidade que participan nesta iniciativa (6 da provincia de Ourense)
- As xornadas céntranse nas claves para aplicar cada día o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e poñen o foco na economía circular, modelo no que os residuos se converten en recursos
- Todos os centros participantes nesta iniciativa xa recibiron, da man de Sogama, os medios materiais e didácticos necesarios para levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe, estando arroupados en todo momento polos monitores da empresa
Ourense, a 16 de xaneiro de 2022.- Esta mañá arrincaron en Ourense, concretamente no CPR Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas, as xornadas formativas presenciais enmarcadas no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2022-2023, que aglutina a participación dun total de 20 centros escolares de distintos puntos de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa, canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e en vigor desde o curso académico 2012-2013, é precisamente promover a práctica diaria, por parte do alumnado e o profesorado, do principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) como soporte básico na xestión sostible dos residuos urbanos.
No transcurso das sesións explicativas, os educadores de Sogama proporcionan aos pequenos as claves para diminuír a produción de lixo a través dun consumo responsable, para alongar o uso dos produtos ata que acaben convertidos en refugallos e para separar estes últimos por tipoloxías, e depositalos no contedor correspondente, co fin de propiciar a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos. Desta forma contribúese ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Co apoio de diversos recursos divulgativos e lúdicos, os educadores dan a coñecer a gran problemática que representa a elevada produción de refugallos nas sociedades modernas, como reducir a súa xeración, cales son as bondades e beneficios que trae consigo un consumo consciente e responsable, e cales as posibilidades que se abren a través do máximo aproveitamento dos produtos e a súa conversión en novos materiais, unha vez esgotado a súa vida útil.
O foco de atención ponse na economía circular e a súa capacidade para reverter o proceso de deterioro ao que se está sometendo o planeta debido á presión humana. De aí que a acción máis urxente sexa precisamente a de abandonar o sistema caduco de economía lineal, definido polos perniciosos hábitos de extraer, consumir e desperdiciar, e avanzar cara a un circular na que os residuos se converten en recursos.
DOTACIÓN DE MEDIOS, ASESORAMENTO E AVALIACIÓN
Os 20 colexios participantes de toda a comunidade xa recibiron os medios materiais para levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe. Estes medios están conformados por illas de reciclaxe, que acollen á súa vez tres contedores (amarelo, azul e verde xenérico), con capacidade para 120 litros cada un, nos que a comunidade educativa debe depositar, respectivamente, os envases de plástico, latas e briks; o papel e cartón; e a fracción resto.
Así mesmo, aos centros que dispoñen de servizo de comedor ou ben que xeran unha cantidade importante de materia orgánica procedente das merendas, subministróuselles un composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, a través do cal transforman os restos orgánicos nun compost de alta calidade. Para incorporar a autocompostaxe, é necesario que as escolas conten tamén con terreo (horta e/ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e co que se consegue pechar o ciclo de recuperación e reciclaxe da materia orgánica.
Os monitores de Sogama realizarán visitas periódicas a todos os centros para seguir de preto os seus proxectos, resolver dúbidas, proporcionar información adicional, prestar asesoramento e acometer os axustes necesarios a fin de que o traballo realizado nos colexios sexa máis eficiente.
Na última visita, realizarán unha caracterización dos refugallos depositados nos tres contedores que conforman as illas de reciclaxe para cuantificar o grao de acerto, ou erro, na recollida selectiva dos refugallos. A puntuación obtida reflectirase no seu momento na avaliación global do proxecto desenvolvido polos distintos colexios, sendo necesario que, a finais de curso, cada un presente unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
COLEXIOS PARTICIPANTES
Na presente edición, participan neste programa un total de 20 colexios das catro provincias.
- Provincia de Ourense (6 centros): CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo); CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (Pobra de Trives); CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás); CEIP Manuel Respino (A Rúa); CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín).
- Provincia de Pontevedra (7 centros): CEIP de Mosteiro-Bembrive e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (ambos de Vigo); CEIP de Lourido (Poio); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); CEIP Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño); CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves); e CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga).
- Provincia de Lugo (5 centros): CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz); CEIP Menéndez Pelayo (Lugo); CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei); CEIP Plurilingüe de Xermade (Xermade); e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove).
- Provincia da Coruña (2 centros): CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol) e CEIP O Areal (Camariñas).
Saúdos, Departamento de Comunicación