- Educadores especializados desprazaranse polos colexios para explicar aos pequenos e ao profesorado o principio europeo dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), así como os xestos a poñer en práctica cada día para contribuír ao mesmo .
- Disiparanse todas as dúbidas formuladas polos estudantes e os docentes, e clarificarase a actividade industrial de Sogama, orientada á reciclaxe dos materiais susceptibles de ser reciclados e á recuperación enerxética da fracción non reciclable.
- Culminada a formación, os monitores de Sogama efectuarán visitas periódicas de seguimento a cada centro para comprobar o desenvolvemento dos proxectos escolares e subsanar posibles erros.
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2019.- Trala primeira fase de dotación de medios materiais (illas de reciclaxe e composteiros) e didácticos (presentacións, guías, folletos, carteis e vídeos, entre outros), o alumnado dos 25 centros educativos adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama” 2018-2019, será formado na xestión sostible dos residuos urbanos.
Con tal fin, a partir desta semana educadores especializados ao servizo de Sogama desprazaranse polos colexios para explicar aos pequenos e ao profesorado o principio europeo dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), así como os xestos a poñer en práctica cada día (na escola, no traballo, no fogar, no tempo de lecer) para contribuír ao mesmo .
Consumir de forma responsable e adquirir unicamente o necesario constitúe a primeira norma a seguir, debendo complementarse con outras tales como aproveitar ao máximo os produtos e alongar a súa vida útil ata que acaben convertidos en residuos, momento no que o cidadán debe colaborar no sistema depositando cada material no contedor correspondente para propiciar o seu reciclado: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor xenérico, para a parte non reciclable.
Neste marco, atenderanse todas as dúbidas formuladas polos estudantes e os docentes, e clarificarse a actividade de Sogama, que se centra en dúas fraccións de residuos. Por unha banda, os materiais contidos na bolsa amarela, que separa na súa planta automatizada de clasificación para que poidan ser remitidos aos centros recicladores, e, por outro, os correspondentes á bolsa negra, de onde recupera a parte susceptible de ser reciclada, transformando o resto nun combustible CDR para a súa posterior valorización enerxética, proceso que leva a cabo de forma limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde.
Neste sentido, cabe sinalar que, trala posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais, que conforma a primeira fase de ampliación do complexo industrial de Cerceda, Sogama abordará a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Se todo segue o planning establecido, a mediados do ano en curso a entidade disporá do complexo medioambiental das súas características máis moderno e eficiente de Europa, sendo todo un referente a nivel mundial.
Así as cousas, a compañía pública verá ampliada a súa capacidade de tratamento nun 81% (pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000), cuadriplicando a súa achega á reciclaxe e diminuíndo o uso do vertedoiro a mínimos, prevendo baixar ata o 10% en 2020, o que se coñece como vertido técnico cero.
SEGUIMENTO
Culminada a formación, os monitores de Sogama realizarán visitas periódicas de seguimento a cada colexio para comprobar o desenvolvemento dos proxectos e corrixir posibles erros, ademais de realizar as correspondentes caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe a fin de comprobar o grao de acerto á hora de arroxar os residuos a cada un deles .
Será este un dato clave á hora de avaliar e puntuar as memorias que os centros participantes deben presentar a finais de curso a través da plataforma informática do Plan Proxecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación