- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do mes de xuño
A crise provocada polo COVID-19 ensinounos que a colaboración, o civismo e o debido cumprimento das normas constitúen as mellores ferramentas para facer fronte ás vicisitudes e encarar un futuro ao que hoxe, máis que nunca, debemos imprimir grandes doses de esperanza.
Perdemos no camiño a milleiros de compatriotas, padecemos a enfermidade, ben de forma directa ou indirecta, fomos presa do medo, da dor, da desazón e, sobre todo, da incerteza, pero o porvir é un camiño que debemos labrar e que aínda está por escribir.
En Sogama, como tantas e tantas empresas, e como tantos e tantos cidadáns anónimos, non escatimamos esforzos. Loitamos sen tregua desde o inicio do estado de alarma para protexer a saúde dos nosos traballadores e para garantir a prestación dun servizo público esencial, sendo conscientes de que todos os cabos debían estar ben atados para que cada xornada fluíse sen contratempos.
Un día máis, pero tamén un día menos para poder ver a luz. Ese era o noso lema. Ao longo de todo este tempo libramos duras batallas para seguir operando e hoxe podo dicir con satisfacción que conseguimos cumprir cos nosos obxectivos.
Retomamos a folla de ruta que, obrigados polas circunstancias, abandonamos a mediados do pasado mes de marzo. Desde entón vimos centrando todo o noso traballo nunha única prioridade: xestionar coas máximas garantías os residuos producidos por máis de 2.242.000 galegos, conscientes de que, de non facelo así, as negativas consecuencias da pandemia sobre a saúde e o medio ambiente agravaríanse aínda máis.
É tempo de reflexión, pero non hai tempo para as lamentacións. O noso plan de acción, non só se reactivou, senón que se reforzou para continuar nese camiño emprendido cara á sostibilidade.
Facemos noso ese famoso proverbio grego que di “Unha sociedade crece ben cando as persoas plantan árbores cuxa sombra saben que nunca gozarán”.
Moito ánimo para todos.
Presidente
Javier Domínguez Lino