- O proceso de selección, enmarcado nuns criterios previamente establecidos, non resultou sinxelo debido á alta afluencia de candidaturas.
- Nesta ocasión, deuse prioridade aos colexios de Primaria que non tiveran participado en edicións anteriores e que presentasen unha proposta de calidade. No caso de que cumprisen os dous requisitos anteriores, a clasificación viña dada pola orde de solicitude.
- Por provincias, resultaron seleccionados 4 centros por parte da Coruña, 13 pola de Pontevedra, 2 pola de Lugo e 6 pola provincia de Ourense.
- Trala recollida de datos inicial en cada colexio, Sogama procederá ao envío dos medios materiais e didácticos necesarios para que docentes e escolares poidan desenvolver os seus proxectos na xestión sostible dos residuos urbanos.
Cerceda, a 9 de decembro de 2019.- O programa educativo “Recíclate Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, comeza unha nova edición (2019-2020) en 25 colexios das catro provincias.
Dada a elevada afluencia de candidaturas, o proceso selectivo non resultou sinxelo. Nesta ocasión, deuse prioridade aos centros que non tiveran participado en edicións anteriores e, dentro destes, aos que aportasen un proxecto de calidade en materia de xestión sostible de residuos. No caso de cumprir estes dous primeiros condicionantes, atenderíase á orde de solicitude segundo o rexistro da data na que presentasen oficialmente a súa proposta.
CENTROS SELECCIONADOS
Así as cousas, o resultado foi o seguinte: 4 colexios pertencentes á provincia da Coruña, 13 á de Pontevedra, 6 á de Ourense e 2 centros pertencentes á provincia de Lugo.
Provincia da Coruña:
- CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños.
- CEIP Plurilingüe Unión Mugardesa, de Mugardos.
- CEIP de Ponzos, de Ferrol.
- CEIP Manuel Fraga Iribarne, de Cariño.
Provincia de Pontevedra:
- CEIP Santo André de Xeve, de Pontevedra.
- CEIP Plurilingüe Paraixal, de Vigo
- CEIP Pérez Viondi, de A Estrada
- CEIP Plurilingüe Florida, de Sanxenxo
- CEIP de Fonte Escura, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Souto-Donas, de Gondomar
- CEIP Plurilingüe Javier Sensat, de Vigo
- CEP Santa Mariña, de Redondela
- CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui
- CEIP San Tomé, de Cambados
- CEIP Virxe do Rocío, de Vigo
- CEIP Plurilingüe da Carrasqueira, de Vigo
Provincia de Lugo:
- CEIP de Currelos, de O Saviñao
- CEIP Otero Pedrayo, de Rábade
Provincia de Ourense:
- CEIP Manuel Sueiro, de Ourense
- CEIP Bibei, de Viana do Bolo
- CEIP Plurilingüe Ribadavia, de Ribadavia
- CEIP Saco e Arce, de Toén
- CEIP Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP Virxe da Pena da Sela, de O Irixo
FASES, OPERATIVA E MEDIOS
Tralo envío, en soporte dixital, dos recursos didácticos aos centros (presentacións, vídeos, guías para o profesorado e manuais de apoio, entre outros), realizaranse visitas presenciais a cada un deles por parte dos educadores de Sogama, os cales se entrevistarán cos docentes coordinadores do programa a fin de recabar os datos de partida.
Acto seguido, procederase á entrega dos medios materiais, isto é, as denominadas illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores de recollida selectiva (amarelo, azul e verde), que contan con anclaxe e sistema antirroubo, así como dos composteiros para aqueles colexios nos que se xere materia orgánica e que dispoñan dun recinto (horta ou xardín) no que aplicar o abono resultante para pechar o ciclo de recuperación dos restos orgánicos.
Tralo Nadal, os educadores desprazaranse de novo aos colexios para impartir sesións formativas, orientar e asesorar en torno aos proxectos a desenvolver e solventar todas as dúbidas.
A mediados de curso, efectuarán outra visita de seguimento para analizar o estado dos traballos, tomar nota de posibles incidencias e axudar a reorientar os labores no caso de que estas non se axusten aos obxectivos.
E xa cara a finais do período lectivo, realizarán unha nova visita co mesmo propósito, incluíndo igualmente a caracterización dos residuos depositados nos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe a fin de analizar o grao de acerto á hora de seleccionar os materiais que conforman o lixo, así como a porcentaxe de impropios. Esta información terase en conta durante a avaliación final, que se realizará unha vez que os centros presenten a memoria correspondente a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Adicionalmente, Sogama financiará visitas ao seu Complexo Medioambiental de Cerceda (1 autobús por centro) e aportará novidosas ferramentas lúdicas que contribuirán a que os pequenos interioricen as boas prácticas ambientais, pero dunha forma amena e divertida.
Saúdos, Departamento de Comunicación