
- Nesta inclúese a caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe escolares para comprobar a calidade do material depositado nos mesmos, é dicir, o grao de acerto ou erro na segregación de residuos
- Son 26 colexios en total: 10 na provincia de Pontevedra, 5 na de Lugo, 4 na da Coruña e 7 na provincia de Ourense
Cerceda, a 9 de maio de 2024.- Esta semana arrincou a terceira e última visita de seguimento aos 26 centros educativos de primaria e educación especial que este curso participan no programa “Recíclatee con Sogama” 2023-2024, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
O obxectivo desta nova acción é dar continuidade aos labores de supervisión dos traballos e proxectos desenvolvidos nos colexios adscritos a esta iniciativa, así como efectuar a caracterización dos catro contedores que conforman cada illa de reciclaxe para comprobar a calidade do material depositado nos mesmos, é dicir, o grao de acerto ou erro na segregación de residuos.
Os datos obtidos a través destas mostraxes computarán na puntuación asignada a cada centro e, polo tanto, figurarán na avaliación das memorias que estes deben presentar a final de curso a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Desde a posta en marcha da presente edición de Recíclate con Sogama, a empresa levou a cabo un traballo permanente cos centros, que se iniciou a principios de curso cunha primeira visita de diagnóstico e entrevistas cos coordinadores do programa, procedendo á subministración de medios materiais e didácticos para que a comunidade educativa puidese levar a cabo as súas tarefas, e proseguiu coas posteriores sesións formativas presenciais e nova visita de control.
A pretensión de Recíclate con Sogama, en vigor desde fai máis dunha década, é instaurar e poñer en práctica o principio dos tres erres nas aulas (redución, reutilización e reciclaxe), propiciando que os escolares poidan dar traslado dos mesmos á súa contorna familiar e social, e exerzan de prescritores para que a xestión sostible dos residuos estea plenamente asentada na vida cotiá.
Un total de 26 colexios das catro provincias galegas participan na presente edición: 10 pola provincia de Pontevedra, 5 pola de Lugo, 4 pola da Coruña e 7 pola de Ourense.
Saúdos, Departamento de Comunicación