- Os educadores ao servizo desta empresa pública percorrerán os colexios participantes co obxectivo de realizar unha avaliación provisional dos seus proxectos e levar a cabo as caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe escolares.
- A pretensión deste programa, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, é instaurar a recollida selectiva nas aulas e propiciar que os pequenos trasladen aos seus fogares e contorna social as boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos.
Cerceda, a 6 de maio de 2021.- Arrinca a terceira e última visita de seguimento aos centros escolares que participan na edición 2020-2021 do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e que o alumnado traslade as boas prácticas aos seus fogares e contorna social.
Tralo envío, por parte de Sogama, dos medios materiais e didácticos para que todos e cada un dos centros puidesen traballar nos seus proxectos de reciclaxe ao longo do curso académico, educadores ao servizo desta empresa pública visitarán cada colexio para facer unha pre-avaliación dos traballos desenvolvidos e proceder á caracterización os residuos depositados nos distintos contedores de recollida selectiva. Con isto poderán determinar a calidade dos mesmos e, polo tanto, o grao de acerto da comunidade educativa á hora de separar os refugallos en orixe e depositalos no recipiente axeitado.
Neste sentido, cabe lembrar que a compañía entregou a cada colexio, no primeiro trimestre do curso, as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores, con capacidade para 120 litros cada un (amarelo, azul e verde) co fin de que docentes e alumnos puidesen introducir nos mesmos os residuos previamente separados, propiciando o seu posterior reciclado.
No caso daqueles centros que contan con comedor escolar ou ben que xeran unha cantidade importante de restos orgánicos propios das merendas, proporcionóuselles un composteiro para que tivesen a oportunidade de transformar a fracción orgánica nun abono de alta calidade a utilizar como fertilizante natural nas hortas e xardíns escolares.
E todo isto reforzado con vídeos, presentacións, folletos, xogos físicos e online cos que se pretende afianzar os coñecementos dos pequenos na correcta xestión do lixo.
Tras esta última visita, o programa chegará ao seu fin no mes de xuño. Acto seguido, os centros disporán dun período de tempo para presentar as súas memorias a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que serán valoradas conforme os criterios establecidos no seu momento.
RELACIÓN DE COLEXIOS PARTICIPANTES
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense: CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade.
- 1 da provincia da Coruña: CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
Saúdos, Departamento de Comunicación