- A partir de hoxe, educadores especializados desprazaranse polos 27 centros participantes co fin de explicarlles os pormenores da xestión sostible dos residuos, que en todo caso pivota sobre a aplicación diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)
- A diferenza de edicións anteriores, orientadas unicamente aos centros de primaria, este curso a iniciativa estendeuse a secundaria e FP básica, aínda que o seu obxectivo continúa a ser o mesmo: promover a reciclaxe nas aulas e extrapolala aos fogares
Cerceda, a 20 de xaneiro de 2025.- Hoxe mesmo arrincan as sesións formativas presenciais nos 27 centros educativos que este ano participan no programa Recíclate con Sogama 2024-2025, cuxo obxectivo é promover a reciclaxe nas aulas, así como a adquisición de boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos municipais, procurando que estas sexan extrapoladas aos fogares e contorna social do alumnado.
Logo dunha primeira fase de diagnóstico relativa ao nivel de implantación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) en cada centro e unha segunda de dotación de recursos, tantos materiais como didácticos, monitores ao servizo de Sogama desprazaranse polos distintos colexios para explicar, apoiados por vídeos, presentacións e xogos, os pormenores da correcta xestión dos residuos producidos cada día e que facer cos mesmos en función das súas características para que poidan ser recuperados. Deste xeito, insistirase no contedor de destino para cada tipo de refugallo, xesto indispensable para garantir o seu posterior reciclado.
E para que a comunidade educativa poida asentar hábitos, Sogama dotou a cada centro cunha illa de reciclaxe, conformada por catro contedores (azul, amarelo, marrón e xenérico) a fin de que o alumnado deposite nos mesmos, respectivamente, papel e cartón; envases de plástico, latas e briks; materia orgánica; e fracción resto.
Así mesmo, a aqueles centros que dispoñen de terreo (xardín e/ou horta), proporcionóuselles un composteiros para que poidan reciclar os restos orgánicos en orixe e convertelos nun abono que volverán utilizar nos seus recintos como fertilizante natural.
A diferenza de edicións anteriores, nas que todos os centros participantes pertencían a educación primaria, este curso o programa estendeuse a secundaria e FP básica co fin de achegarlle máis heteroxeneidade e recabar información sobre as necesidades, demandas e posibles limitacións coas que poden atoparse os distintos niveis educativos.
Centros participantes na edición 2024-2025
- 7 na Coruña: CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e IES Ferrol Vello (Ferrol).
- 6 en Lugo: IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES Monte Castelo (Burela), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), IES Río Miño (Rábade) e CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar (Foz).
- 10 en Pontevedra: CPI do Progreso (Catoira), CIFP A Xunqueira (Pontevedra), CPR Salesianos A Mercé (Cambados), IES A Basella (Vilanova de Arousa), CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo), CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis (Vigo), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), IES de Poio (Poio), IES do Barral (Ponteareas) e IES Coruxo (Vigo).
- 4 en Ourense: CPI Terras de Maside (Maside), CEIP Bibei (Viana do Bolo), CEIP Virxe de Guadalupe (Avión) e CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
Saúdos, Departamento de Comunicación