- Organizada por ERP, as obras poden contemplarse en 3D vía en liña ata o próximo 31 de decembro
Cerceda, a 22 de decembro de 2021.- Preto de medio cento de obras de artistas españois, creadas para concienciar á sociedade sobre o impacto dos residuos e de que un futuro máis sostible é posible, danse cita ata o próximo 31 de decembro na exposición virtual CirculArt, organizada por European Recycling Platform en colaboración con Amiab.
A mostra, accesible desde calquera dispositivo electrónico conectado a internet, permite, grazas á tecnoloxía 3D, “pasear” pola exposición, observando en detalle as obras, que abarcan disciplinas tan variadas como a escultura, a fotografía, a pintura ou a colaxe.
Ademais, seleccionando cada obra concreta e pulsando nas iconas de información e vista, pódese acceder a unha completa explicación das técnicas empregadas, así como da mensaxe de concienciación ambiental que cada autor quere transmitir con elas.
A selección realizouse sobre o cento de obras presentadas ao Certame CirculArt, que nesta primeira edición repartiu premios por valor de 9.000 euros entre os artistas gañadores da competición, tanto a escala autonómica como nacional.
Con esta mostra virtual, ERP (entidade sen ánimo de lucro dedicada á xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e acumuladores) pretende sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre a importancia da prevención e a correcta xestión dos residuos, así como facilitar o acceso á cultura, a través do fondo artístico xerado durante o certame.
“Esta exposición virtual permítenos chegar a todos os interesados que non puideron asistir á exposición física en Madrid. Ademais, é unha excelente actividade para facer comodamente desde casa, algo particularmente valioso nestes tempos de pandemia”, explica a directora xeral de European Recycling Platform en España, Laura Alonso
O xurado do premio estivo integrado por representantes de ERP e Amiab e polos artistas Miquel Aparici e Santi Flores, que valoraron a orixinalidade das obras, a súa calidade técnica e artística, así como a súa achega á temática do concurso, na defensa da economía circular e a xestión responsable dos residuos.
https:// mundoarti. com/v2/exposicións/ EEQ2615/ exposicion-virtual-i-certame-nacional-de-artes- plasticas- circul-art-2021/visitar/
Fonte e imaxe: ERP