- A empresa pública entregou a este colectivo 140 composteiros, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que contan con terreo no que aplicar o abono resultante, pechando así o círculo de recuperación da materia orgánica en orixe.
- Os veciños participantes recibiron un manual didáctico de apoio no que se se proporciona toda a información sobre a técnica a seguir, dando resposta igualmente ás posibles dúbidas.
Cerceda, a 11 de xuño de 2020.- Na súa permanente loita por defender o medio rural, preservar a biodiversidade e fomentar o respecto ambiental, a Asociación de Mulleres Rurales de Melide, ALECRIN, (A Coruña), solicitou a adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama a fin de que os seus integrantes tivesen a oportunidade de instaurar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e contribuír así a unha xestión máis sostible dos residuos que producen cada día.
Sogama entregou a esta organización un total de 140 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que contan con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
A fin de que os participantes poidan levar a cabo a técnica de autocompostaxe con garantías, personal da empresa pública desprazarase a Melide, cando as circunstancias así o permitan, para impartir un curso de formación no que se explicarán os pormenores do proceso e detallaranse os pasos a seguir no mesmo: desde a propia ubicación do composteiro, que debe ser colocado nunha zona sombreada e protexida, e en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, así coma o control de elementos tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os usuarios recibiron tamén un manual didáctico que lles permitirá ampliar os seus coñecementos e resolver dúbidas, dispoñendo igualmente dunha páxina web www.compostaconsogama.gal a través da cal poderán acceder a recursos divulgativos de interese.
A xestión sostible dos residuos constitúe unha prioridade para ALECRIN e é por isto que, o pasado mes de febreiro, os seus integrantes decidiron viaxar a Cerceda. Alí puideron coñecer de primeira man a actividade do Complexo Medioambiental de Sogama, comprobar a súa operativa e tomar conciencia da importancia que ten participar no círculo de reciclaxe dos residuos a través da correcta selección en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación