- Con sede en Cabana de Bergantiños (A Coruña), é unha entidade social sen ánimo de lucro que ten por obxecto promover a integración social e laboral de persoas con diversidade funcional nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.
- Con carácter previo ao estado de alarma, Sogama entregou a esta asociación un composteiro, así como materiais didácticos e divulgativos de apoio a fin de reforzar o seu labor na reciclaxe da materia orgánica.
Cerceda, a 16 de xuño de 2020.- INTEGRO, entidade social sen ánimo de lucro con máis de 25 anos de historia e incansable traballo ás súas costas para promover a integración social de persoas con diversidade funcional nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, sumouse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama a fin de reforzar o seu labor na reciclaxe da materia orgánica.
A empresa pública proporcionou a esta asociación un composteiro, así como materiais didácticos e divulgativos de apoio.
Con sede en Cabana de Bergantiños (A Coruña), INTEGRO dispón dun centro de día, un centro ocupacional e un centro especial de emprego. O primeiro concíbese como un servizo diurno destinado á atención integral de persoas con diversidade funcional partir dos 16 anos, proporcionando os coidados e o apoio necesario para que alcancen unha maior autonomía persoal e social, e melloren a súa calidade de vida. Trabállanse así áreas tales como o aseo, a alimentación, a saúde, tarefas do fogar, fisioterapia, psicomotricidade, ximnasia de mantemento e, por suposto, o lecer, con excursións, cine, biblioteca, etc.
O centro ocupacional oriéntase a mellorar a formación e a capacitación profesional das persoas con diversidade funcional, sendo o seu fin último normalizar o acceso ao mercado de traballo, xerando ao mesmo tempo unha maior confianza e autoestima.
Neste centro impártense talleres ocupacionais de xardinería, madeira e bisutería, ao tempo que se proporciona formación en materias tales como informática, competencias básicas e habilidades sociais, práctica deportiva, etc.
No caso do centro especial de emprego, a súa pretensión é proporcionar ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado, axeitado ás súas características persoais, facilitándolles a integración laboral no mercado ordinario produtivo.
Imaxe: páxina web Integro
Saúdos, Departamento de Comunicación