
- Sogama remitiu ao concello 30 novos composteiros para que outras tantas familias poidan elaborar compost e empregalo como fertilizante natural nas súas hortas e xardíns
- A empresa púxose ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial
Cerceda, a 24 de marzo de 2025.- O Concello de Ponteceso (A Coruña), co apoio de Sogama, estenderá o seu programa de compostaxe doméstica a 30 novas vivendas. Con tal fin, a compañía remitirá ao ente local outros tantos composteiros para que as familias participantes poidan levar a cabo esta práctica coa máxima comodidade, hixiene e eficiencia.
Con esta nova partida, xa son 210 os fogares do municipio adscritos a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, sociais e mesmo económicos.
Desde o punto de vista ambiental, porque o tratamento da materia orgánica péchase na propia vivenda, debendo dispoñer para isto de terreo no que aplicar o compost resultante, que regresa ao solo en forma de abono natural, achegándolle nutrientes e mesmo protexéndoo fronte a pragas e enfermidades.
Así mesmo, evítase que os veciños leven a materia orgánica, que representa en torno ao 37% da composición dunha bolsa de lixo tipo, ao contedor da rúa, propiciando que se reduza a frecuencia de recollida e transporte de lixo, co conseguinte aforro de emisións de CO2 á atmosfera. Igualmente, o ente local poderá entregar menos residuos a Sogama, vendo diminuído o importe da facturación desta empresa pública.
Con carácter adicional, a veciñanza participante poderá prescindir da compra e uso de fertilizantes artificiais.
Formación
A empresa púxose ao dispor do concello para impartir un curso de formación presencial no que se explicaría aos veciños a dinámica a seguir e resolveríanse todas as súas dúbidas. Con todo, tamén lle remitirá manuais didácticos de autocompostaxe nos que se detalla a operativa: localización do composteiro, que debe colocarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores; concreción dos materiais que deben e non deben depositarse no mesmo; como conseguir unha mestura equilibrada entre fracción húmida e seca; e como realizar o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade para conseguir finalmente un abono de alta calidade que cumpra os requisitos contemplados na lexislación vixente e que, polo tanto, poida ser aplicado con garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación