- Sogama entregou a esta localidade 50 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
- Así mesmo, a empresa pública impartirá un curso presencial aos veciños participantes e proporcionará ao ente local manuais didácticos de apoio para distribuír entre os mesmos.
- Con esta iniciativa, o ente local confía en alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 9 de maio de 2019.- O concello de Baiona (Pontevedra) materializou a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. No marco do mesmo, a empresa pública entregou ao ente local un total de 50 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) e impartirá un curso de formación presencial aos veciños que pasen a formar parte desta iniciativa. En todo caso, deben habitar en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un fertilizante natural que aporta nutrientes ao solo e protéxeo dos negativos efectos de pragas e enfermidades.
Os participantes recibirán tamén un manual de autocompostaxe no que se explica, de forma detallada, a técnica a levar a cabo, así como a operativa no seu conxunto: desde a propia ubicación do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden introducirse no mesmo, e utilidades do abono resultante, polo xeral cunha calidade excelente.
Con esta iniciativa, o concello propicia unha importante medida de prevención e redución da xeración de residuos, e facilita a propia reciclaxe da materia orgánica no fogar, pechando in situ o ciclo do seu aproveitamento.
EN CLAVE DE SOSTIBILIDADE
Entre os beneficios da compostaxe doméstica, cabería destacar o menor depósito, por parte dos cidadáns, de restos orgánicos nos contedores verdes convencionais, circunstancia que propiciaría unha redución da frecuencia de recollida e transporte e, polo tanto, das emisións de CO2 á atmosfera. En consecuencia, o concello tamén entregaría menos residuos a Sogama, co conseguinte aforro económico, e recuperaríase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Con carácter adicional, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que atoparán toda a información sobre a autocompostaxe, así como recursos de apoio (manuais, vídeos e xogos).
A día de hoxe, preto de 300 entidades (entre concellos, centros escolares e colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 10.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación