- Esta partida complementa a subministrada pola empresa pública o pasado ano, facendo un total de 100 recipientes.
- O obxectivo desta nova fase é que se incremente o número de familias que participan no programa e que a recuperación dos restos orgánicos estea cada vez máis presente naquelas vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante.
- Os beneficios desta iniciativa son múltiples, destacando a súa dimensión ambiental, xa que posibilita que o usuario poña en valor os restos orgánicos transformándoos nun abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo.
Cerceda, a 21 de xullo de 2020.- O concello de Baiona (Pontevedra) solicitou a colaboración de Sogama para ampliar o seu programa de compostaxe doméstica e estender a reciclaxe da materia orgánica a novas vivendas.
En 2019, esta empresa pública entregou ao ente local 50 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, e, en días pasados, subministrou outro lote de 50 unidades, facendo un total de 100 recipientes.
O obxectivo desta nova fase é que se incremente o número de familias que participan no programa e que a recuperación dos restos orgánicos estea cada vez máis presente naquelas vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante.
Os beneficios desta iniciativa son múltiples, destacando a súa dimensión ambiental, xa que posibilita que o usuario poña en valor os restos orgánicos transformándoos nun abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo.
Tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta porcentaxe se xestiona in situ, evítase o seu depósito no contedor verde convencional. Ao mesmo tempo, o cidadán gaña en comodidade, evita a compra de fertilizantes químicos, co aforro económico que isto supón, e diminúe o número de desprazamentos que debe realizar aos contedores.
Os participantes poden complementar os seus coñecementos e ampliar información a través da web www.compostaconsogama.gal, onde atoparán tamén diversos recursos didácticos e lúdicos.
A día de hoxe, 351 entidades (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, distribuíndo entre as mesmas, e de forma gratuíta, 14.000 composteiros.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación