- Respecto do mesmo período de 2019, a bolsa negra cae un 3,67% e a achega á reciclaxe da amarela sobe nun 15,66%; un dato positivo que se agarda que marque tendencia, toda vez que a redución constitúe a pedra angular dunha xestión sostible dos residuos.
- O COVID-19 trouxo consigo novos refugallos, como son as luvas e máscaras desbotables, que deben ser depositados polo cidadán no contedor verde convencional a fin de que poidan recibir o tratamento axeitado.
Cerceda, a 4 de agosto de 2020.- A diferenza de meses anteriores nos que, malia o parón do sector comercial e hostaleiro, o impacto do COVID-19 traduciuse tamén nun incremento na xeración de residuos urbanos de case o 3%, en xullo investiuse a tendencia, rexistrándose unha caída do 3,67% respecto do mesmo período de 2019 ao baixar das 75.073,24 ás 72.321,48 toneladas entregadas nas instalacións de Sogama polos 295 concellos adscritos ao seu modelo. Un dato positivo que se agarda marque tendencia de cara aos próximos meses, toda vez que unha xestión sostible dos residuos debe ter a súa pedra angular na prevención e na redución.
Pola súa banda, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos) continúa a súa boa evolución ao experimentar un incremento do 15,66%, pasando das 2.367,72 toneladas entregadas na planta de clasificación de Sogama en xullo de 2019 ás 2.738,40; unha cifra que evidencia de novo o compromiso da cidadanía coa reciclaxe e a protección ambiental.
As medidas hixiénico-sanitarias trouxeron consigo novos residuos, como son as luvas e máscaras desbotables. Ao respecto, Sogama recorda que estes materiais deben ser depositados no contedor verde convencional para que poidan ser procesados xunto coa fracción resto e, por tanto, valorizados enerxeticamente a máis de 850ºC. O seu destino xamais debe ser o contedor amarelo ou outros recipientes de recollida selectiva, dado o seu carácter de material non reciclable, debendo ser tratado en condicións axeitadas.
Saúdos, Departamento de Comunicación