- A bolsa negra caeu un 4% respecto do mesmo período de 2019 e a amarela creceu un 6,85%.
- A empresa pública destaca a firme aposta dos concellos coruñeses de Cerceda, Laracha e Carballo pola recuperación da materia orgánica a través da implantación do quinto contedor nas zonas urbanas e a autocompostaxe nas rurais.
- Sogama seguirá a traballar, a través de campañas e outras iniciativas, na promoción do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como pedra angular da xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención ao consumo responsable como principal medida de prevención.
Cerceda, a 7 de setembro de 2020.- Seguindo a tendencia dos últimos meses, agosto sáldase cunha redución da produción de residuos correspondentes á bolsa negra (fracción resto) e un incremento da reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks).
Tomando como referencia os datos do mesmo período en 2019, a bolsa negra caeu un 4%, baixando das 77.472,63 toneladas ás 74.644,96, e a bolsa amarela creceu un 6,85%, ao subir de 2.580,96 toneladas a 2.757,76.
Todo parece apuntar a que as boas prácticas orientadas á menor produción de lixo están calando na sociedade, á vez que se incrementa a conciencia ambiental sobre a necesidade de contribuír á reciclaxe a través dunha correcta segregación dos refugallos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores concibidos para tal fin (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; e contedor verde xenérico, para a parte non reciclable).
Mención especial merece a firme aposta dos concellos coruñeses de Cerceda, Laracha e Carballo, pioneiros na recollida separada da materia orgánica a través da implantación do quinto contedor (de cor marrón), que entregan na planta de compostaxe industrial de Sogama.
Así mesmo, cabe destacar que os tres entes locais atópanse adheridos ao programa de compostaxe doméstica impulsado por esta empresa pública, tendo subministrado a estes, de forma gratuita, máis de 700 composteiros, xunto con diverso material didáctico de apoio e a impartición, a cargo de técnicos especialistas, de xornadas de formación presencial.
AFORRO DE RECURSOS
Máis aló dos beneficios ambientais que trae consigo a autocompostaxe, cabería destacar outros como os económicos e sociais, xa que os residuos orgánicos recupéranse en orixe e evítase o seu depósito no contedor verde xenérico, co consiguiente aforro de custos municipais nos servizos de recollida e transporte, así como na propia factura a pagar a Sogama.
A empresa confía en que outros concellos veciños instauren en breve o quinto contedor, toda vez que a recollida diferenciada dos residuos orgánicos constitúe un obxectivo europeo de obrigado cumprimento para o que rexe uns prazos, sendo responsabilidade dos entes locais.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente seguirá a traballar, a través de campañas e outras iniciativas didácticas, na promoción do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como pedra angular da xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención ao consumo responsable como principal medida de prevención, sen esquecer o máximo aproveitamento dos produtos e a valorización da materia orgánica a través da compostaxe.
O fin último é minimizar o uso do vertedoiro, fonte de emisións de CO2 e verdadeiro inimigo da reciclaxe e a sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación