- A colaboración estratéxica entre ambas as dúas institucións porá o foco de atención no cambio climático, a conservación, protección e mellora da natureza, e a economía circular.
- Unha das prioridades será identificar unha nova carteira de proxectos de investimento para estas áreas..
Cerceda, a 16 de marzo de 2020.- O mundo enfróntase a desafíos climáticos e ambientais sen precedentes, polo que urxe articular solucións orientadas a intensificar a loita contra o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación. A ciencia, as respostas políticas e os investimentos fanse hoxe máis necesarios que nunca.
Recentemente, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) acordaron reforzar a súa cooperación para acelerar as accións climáticas e ambientais.
O memorando de entendemento entre as partes asinouse en Bruxelas, no transcurso dunha reunión mantida entre a secretaria xeral adxunta das Nacións Unidas e directora executiva do PNUMA, Inger Andersen, e a vicepresidenta do BEI responsable de acción climática e medio ambiente, Emma Navarro.
A cooperación estratéxica focalizarase no cambio climático, a conservación, protección e mellora da natureza, e a economía circular. Unha da prioridades será identificar unha nova carteira de proxectos de investimento no ámbito do medio ambiente e o cambio climático.
"Agora que enfrontamos unha crise do clima e a natureza, debemos traballar unidos para reverter o dano causado pola humanidade e garantir un futuro ás novas xeracións", dixo Inger Andersen, directora executiva do PNUMA.
SOBRE O BANCO EUROPEO DE INVESTIMENTOS (BEI)
É a institución de financiamento a longo prazo da Unión Europea que ten por obxecto contribuír á consecución dos obxectivos das políticas da UE.
Como banco climático europeo, o BEI comprometeuse a que, alomenos o 50% dos seus préstamos apoiarán a acción climática e a sostibilidade ambiental para 2025, prevendo destinar 1 billón de euros para 2030.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación