- O labor deste proxecto, financiado pola UE, é axudar a comprender os límites e as oportunidades dos fluxos de biorresiduos aínda non explotados segundo os principios da bioeconomía circular.
- Durante dous anos, oito socios de seis países, entre os que se atopa España, traballarán xuntos e porán en marcha tres casos de estudo en contextos urbanos e rurais.
Cerceda, a 3 de novembro de 2021.- Aínda que a bioeconomía e a economía circular superpóñense ata certo punto, aínda queda moito percorrido para que as estratexias de bioeconomía sexan máis circulares.
A bioeconomía, cuxo obxecto é promover a produción sostible de recursos naturais a partir de biomasa, substituíndo desta forma aos recursos fósiles e minerais, pode impulsar a transición cara a unha sociedade verde e sostible. Non obstante, para que así sexa, resulta necesario superar varias barreiras, entre as que se atopan os biorresiduos. Máis aló de aliñar aos diferentes actores da cadea, tamén se precisa levar a cabo unha mellor xestión dos residuos biolóxicos a nivel local e proporcionar un marco regulatorio adaptado aos desafíos.
Será posible facer máis circulares as estratexias locais de bioeconomía se se indentifican os fluxos de biorresiduos que teñen un alto potencial como recursos, se se reduce a súa xeración con medidas de prevención, se se mellora a recollida e se se pon o foco na calidade dos mesmos.
E precisamente co fin de contribuír a acelerar a transición cara á bioeconomía circular, púxose en marcha un novo proxecto “BIOCIRCULARCITIES”. Financiado pola UE, o seu labor é axudar a comprender os límites e as oportunidades dos fluxos de biorresiduos aínda non explotados segundo os principios da bioeconomía circular.
ENFOQUE PARTICIPATIVO
Durante dous anos, oito socios de seis países traballarán xuntos e porán en marcha tres casos de estudo en contextos urbanos e rurais: Barcelona (España), Nápoles (Italia) e Pazardzhik (Bulgaria). Cada piloto centrarase nunha cadea de valor específica e explorará posibilidades para facela máis circular.
As leccións aprendidas destas prácticas e o coñecemento sobre os regulamentos e instrumentos legais e políticos en materia de bioeconomía circular permitirán aos socios trazar un mapa das barreiras e oportunidades que, á súa vez, alimentarán a elaboración de directrices e recomendacións de políticas propostas polo consorcio para apoiar a implementación do concepto de “Biocircularcities” en Europa.
Con tal fin, seguirase un enfoque participativo con múltiples actores e involucrarase aos catro segmentos da “cuádrupla hélice” (industria, ciencia, sociedade civil e goberno) nos livings labs locais coa pretensión de “co-crear” o coñecemento colaborativo necesario para mapear as diferentes perspectivas sobre os límites legais e de mercado, así coma os potenciais para o desenvolvemento da bioeconomía circular.
Os socios reuníronse en liña por primeira vez a mediados do pasado mes de outubro para debater os primeiros pasos do proxecto. Estes inclúen a análise do estado actual das cadeas de biorresiduos nos tres casos de estudo e a análise do marco legal existente a nivel europeo, nacional e rexional sobre bioeconomía circular.
Para máis información, www.bbi.europa.eu/projects/biocircularcities
Fonte: Retema
Imaxe: Pexels