- O regreso ás aulas supón en moitos casos unha pequena revolución nas familias, pois, máis aló de organizar as rutinas diarias e lidiar coa conciliación laboral e persoal, o gasto increméntase de forma exponencial.
- É posible aliviar o impacto económico e, ao mesmo tempo, coidar o medio ambiente, con sinxelos xestos vinculados ao principio das tres erres: redución, a reutilización e a reciclaxe.
Cerceda, a 6 de setembro de 2019.- Finalizadas as vacacións de verán, a volta ao cole dos pequenos e mozos da casa supón unha pequena revolución para as familias, pois máis aló de organizar as rutinas diarias e lidiar coa conciliación laboral e persoal, o gasto increméntase de forma exponencial. Uniformes, libros, carteiras, libretas, lapis, bolígrafos e un longo etcétera de material faise necesario para equipar aos nosos fillos e inicien un novo curso académico con garantías.
Coa pretensión de facer un pouco máis levadío o retorno ás aulas, minimizar o impacto no peto dos fogares e protexer o medio ambiente, é importante a planificación previa e unha avaliación minuciosa das medidas a poñer en marcha, evitando así o uso desmedido de recursos. Pensar en clave “R” constitúe o primeiro mandamento a seguir, toda vez que a redución, a reutilización e a reciclaxe poden resultar de gran axuda. Aquí deixamos uns sinxelos consellos:
1.- Revisar armarios e caixóns para aproveitar todo o que poida ter utilidade e, a partir de aí, elaborar unha lista de artigos a adquirir que sexan realmente necesarios.
2.- Indagar na posibilidade de reutilizar uniformes doutros nenos/as e, de non ser viable, aproveitar as ofertas e descontos. Comparar calidade e prezos.
3.- Recuperar libros de texto usados. O mercado de segunda man pode resultar de utilidade, dando a oportunidade de adquirilos a prezos moi asequibles.
4.- Priorizar a compra de material ecolóxico duradeiro, libre de tóxicos e, polo tanto, menos perigoso para os pequenos e máis respectuoso coa contorna.
5.- Optar polo papel reciclado, bolígrafos recargables e calculadoras solares.
6.- Un curso novo non significa mochila nova. Cun pouco de destreza e creatividade, a vella pódese arranxar e modernizar.
7.- Para a merenda ou tentempié de media mañá, apostar por envoltorios reutilizables, a bolsiña de tea de toda a vida ou ben o tupper.
8.- Nada mellor que produtos sans para unha alimentación equilibrada. Fóra a bollería industrial e os seus múltiples envases plásticos individuais de usar e tirar.
9.- Para os desprazamentos, prescindir do coche particular sempre que sexa posible. Camiñar, utilizar o transporte público ou compartir vehículo con outras familias constitúen as mellores alternativas.
10.- E que non falte a práctica dos tres erres en todo momento (reducir, reutilizar e reciclar).
Saúdos, Departamento de Comunicación