- Recibirá, de mans da empresa pública, un total de 30 composteiros a distribuír entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o abono resultante.
- Os participantes recibirán un curso de formación presencial a cargo de técnicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente, así como manuais didácticos de apoio.
- Será o propio concello quen leve a cabo os labores de seguimento para que os veciños poidan obter un abono natural de alta calidade e pechen o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe, contribuíndo así a lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 22 de maio de 2019.- O concello coruñés de Boiro formalizou a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de promover a recuperación da materia orgánica en orixe. Serán 30 as familias que formarán parte desta iniciativa, resultanto conveniente que habiten en vivendas unifamiliares que conten con terreo (horts, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante a fin de pechar o círculo da reciclaxe da parte orgánica contida nos residuos urbanos.
Unha vez seleccionados os participantes, estes recibirán, por parte de técnicos de Sogama, un curso de formación presencial que será aproveitado para proceder ao reparto dos composteiros, que contarán cunha capacidade de entre 345 e 400 litros, e estarán fabricados con materiais reciclados e reciclables. Explicaráselles onde deben ubicalos, polo xeral nunha zona sombreada e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores. Tamén se lles orientará sobre os materiais que deben e non deben ser introducidos neste recipiente e como levar a cabo o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
O fin último da formación é que os veciños obteñan un abono natural de alta calidade que substitúa aos fertilizantes artificiais e que aporte nutrientes ao solo, protexéndoo fronte a pragas e enfermidades.
Adicionalmente, cada usuario recibirá un manual didáctico que lle servirá de punto de referencia para executar correctamente a técnica, dar resposta ás preguntas máis frecuentes e solventar as dúbidas que poidan presentar durante o proceso.
Non obstante, persoal ao servizo do concello encargarase de facer o seguimento para avaliar o desenvolvemento do proxecto, supervisar o traballo realizado polos participantes e corrixir posibles erros.
BENEFICIOS
Con esta iniciativa, o ente local pretende alcanzar importantes beneficios ambientais e sociais, xa que, ao reciclar a materia orgánica na propia vivenda, que supón en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando que se minore tamén a entrega de lixo a Sogama para o seu tratamento final.
Os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.sogama.gal, na que atoparán toda a información sobre a compostaxe doméstica e ata recursos de apoio tales como vídeos e xogos.
A día de hoxe, Sogama xa repartiu máis de 10.300 composteiros entre preto de 300 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación